19 de mar. de 2017

LABORAL

Os Premios 10 de Marzo de CCOO recoñecen, un ano máis, traxectorias en defensa dos dereitos laborais  

Abaixo, de esq. a der.: Emilio Crespo, Tito A. Ucha (en nome de 'Sefa') e Carlos Domenech

Infogauda / Galicia

 O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación 10 de Marzo entregaron os premios que cada ano conceden a persoas significadas na loita polas liberdades e os dereitos laborais. Este ano recibiron o galardón Josefa Martínez Barreiro, traballadora do sector marisqueiro e fundadora das Comisións Mariñeiras; Emilio Crespo Correa, docente e sindicalista do ensino; e Carlos Domenech de Aspe, inspector de traballo e seguridade social, recentemente xubilado.

 O presidente da Fundación 10 de Marzo, Xan María Castro Paz, destacou a traxectoria dos premiados, que dedicaron «toda unha vida» á defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras.  

 En opinión de Castro, Emilio Crespo foi unha das «cabezas fundamentais» da acción sindical no ámbito educativo, amais de realizar un «magnífico labor» na área socioeconómica da Fundación. O propio Crespo, Olímpico para os amigos e amigas, fixo un repaso do traballo realizado tanto na Federación do Ensino como na Área Pública de CCOO. Rematou a súa intervención apelando contra a desmemoria e reivindicando que as liberdades de que gozamos «non son unha concesión do 'Réxime do 78', como pexorativamente se di, senón froito da loita obreira».  
 Canto a Josefa Martínez, Xan María Castro destacou o seu papel como cofundadora e un dos motores das Comisións Mariñeiras. Este labor fíxoo nun momento en que o sector marisqueiro estaba «sumido na anarquía» e con «condicións de traballo durísimas e mal remuneradas», como se encargaría de lembrar Tito Alonso Ucha cando recolleu o premio en nome de Sefa. Grazas ao traballo sindical, o marisqueo profesionalizouse e mellorou en todos os sentidos, comezando pola regulación laboral e a prohibición de artes de extracción daniñas.  

 O presidente da Fundación tamén se referiu a Carlos Domenech. Malia non estar ligado ao sindicato, o inspector de traballo desenvolveu unha «tarefa moi importante» desde o seu ámbito profesional, tanto para solucionar conflitos como para «manter e conseguir novos dereitos». Na súa intervención, Domenech salientou algúns dos máis sobranceiros conflitos en que mediou e deixou tamén a súa visión sobre algúns dos retos máis importantes para o sindicalismo e a sociedade, como o sistema público de pensións, do cal fixo unha afervoada defensa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario