22 de mar. de 2017

A GUARDA

A última das barferencias da tempada 2016/17 e o cinema danse cita este venres na Guarda  

María Martín- Seijo estará no Restaurante O Forte ás 20:30 horas, nun evento no que a Arqueóloga e especialista en arqueobotánica falará cos asistentes sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”

Termina tamén a programación de Invernos de Cine coa proxección do filme “El Puente de los Espías”, no Centro Cultural, ás 21:00 horas


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro venres día 24 de marzo terá lugar a última das barferencias de inverno celebradas na Guarda durante a tempada 2016/17. A investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), posdoutoral, será a encargada de pechar esta tempada coa quinta e última das charlas programadas.  

María Martín-Seijo, arqueóloga e especialista en arqueobotánica
Foto: Arquivo familiar

 Esta barferencia estaba prevista para o pasado venres día 17 pero tivo que ser aprazada por motivos de saúde da conferenciante. Finalmente terá lugar este venres no Restaurante O Forte ás 20:30 horas, nun evento no que a Arqueóloga e especialista en arqueobotánica falará cos asistentes sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”, compartindo así os seus amplos coñecementos da temática sobre a cal versou tamén a súa tese de doutoramento pola que lle foi concedida a calificación e mención de Apto Cum Laude e o Premio Extraordinario de Doutoramento. María Martín-Seijo ten participado en numerosos proxectos, xestionado e dirixido máis de 30 contratos de investigación e os resultados das súas investigación foron publicadas en revistas nacionais e internacionais. Na barferencia deste venres na Guarda fará un breve percorrido pola Idade do Ferro e a relación destas comunidades co bosque a partir da xestión dos recursos forestais, fundamentalmente da madeira.  
  

 Ademais da barferencia, o mesmo día, venres 24 de marzo, tamén hai unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Coincidindo co remate da estación que se produciu esta semana, termina tamén a programación de Invernos de Cine coa proxección do filme “El Puente de los Espías” ás 21:00 horas. Dirixido por Steven Spielberg e protagonizado por Tom Hanks, este filme foi aclamado por crítica e público pola brillantez coa que se conta un feito enmarcado no mundo do espionaxe en plena Guerra Fría.  

 Preséntase así un venres apaixoante e con dúas destacadas citas na Guarda, ás que dende o Concello convídase a todos os veciños e visitantes a asistir e poder desfrutar destas interesantes actividades culturais de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario