4 de xan. de 2017

ECONOMÍA

Galiza lidera a subida do paro no conxunto do Estado en decembro 

O noso país rematou o ano con 205.914 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego

Foto: CIG

Infogauda / Redacción

 Galiza rexistrou - segundo informa a central sindical CIG - o maior incremento do paro en termos absolutos do Estado español en decembro ao contabilizar 2360 persoas máis anotadas nos servizos públicos de emprego con respecto a novembro, o que sitúa a cifra total de parados/as en 205.914. A subida foi do 1,16%, mentres que na media estatal baixou un 2,29% (86.849 desempregados/as menos). Dende a CIG alertan que continúa a medrar a precariedade, ao tempo que baixa a duración dos novos contratos: só o 7,5% foron indefinidos. 

 O noso país foi, xunto a outras tres comunidades, un dos poucos territorios onde medrou o paro en decembro con respecto ao mes anterior, liderando esta subida en termos absolutos. En termos relativos supuxo o terceiro maior incremento, só superado por Nafarroa e Cantabria. Deste xeito, o ano remata en Galiza con 205.914 persoas anotadas nos servizos públicos de emprego.  

 O paro unicamente descendeu no sector servizos, pero tan só un 0,69%, cando na media estatal a baixada neste sector foi do 2,57%. No conxunto do Estado o descenso nos servizos permitiu compensar os incrementos que se rexistraron tanto en industria (0,81%) como na construción (2,28%) e rematar así o ano cun 2,29% menos de parados/as.  

 Só baixa nos servizos  
 No caso de Galiza, se ben no sector servizos descendeu o desemprego un 0,69%, este cativo descenso e o forte incremento do paro tanto na industria (5,52%) como na construción (8,61%) fixeron que a suba global do paro no mes de decembro fose do 1,16% (2360 desempregados/as máis).

 Aínda que este ascenso do desemprego non foi demasiado elevado, neste período rexistráronse un total de 71.080 contratos nas oficinas do SEPE en Galiza; o que evidencia a forte rotación e a escasa duración dos novos contratos. Así, tan só o 7,5% estiveron acollidos a algunha das modalidades de contratación indefinida.   

 Con todo, a pesar da subida do paro aumentou a afiliación á Seguridade Social un 0,5% no último mes, o que se explica pola escasa duración dos contratos e pola alta rotación, que fai que varios traballadores/as compartan un mesmo emprego ao longo do ano. Isto fai que medre a afiliación á Seguridade Social, pero a costa de precarizar o mercado de traballo.   

 Cada vez máis precariedade  

 Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, amosa a súa preocupación non só porque siga a medrar o desemprego senón tamén pola cada vez maior pracariedade existente no mercado de traballo. “Non só aumentan as persoas sen emprego, senón que as que o teñen atópanse cada vez nunha situación máis precaria”, denuncia.  

 Por isto incide na necedidade de que se derroguen as reformas laborais aprobadas polos Gobernos do PSOE e do PP, “que a parte de non servir para crear emprego afondaron na súa precarización e na perda de dereitos e de condicións de vida da clase traballadora”. Neste senso, Malvido lebrou que a central vén de poñer en marcha unha campaña de mobilizacións orientada a recuperar os dereitos laborais e sociais roubados ao longo destes anos que contempla unha primeira manifestación nacional o vindeiro sábado 28 de xaneiro en Santiago de Compostela. O obxectivo da marcha, que arrincará da Alameda ás 12.00 horas, é tamén a defensa do sistema público de pensións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario