5 de xan. de 2017

A GUARDA

A Xunta de Galicia destaca o labor de dinamización do comercio local que desenvolve o Centro Comercial Aberto da Guarda 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou as instalacións de ACIGU, onde coñeceu a campaña de Nadal que desenvolve a asociación e mantivo un encontro de traballo coa súa presidenta, Carmen María García Braga

O apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos da estratexia de impulso ao sector que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que desde o 2009 concedeu apoios por máis de 300.000 euros ao CCA guardés 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou as instalacións de ACIGU - Centro Comercial Aberto


Infogauda / A Guarda

 A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou este mércores día 4 de xaneiro na Guarda as instalacións de ACIGU - Centro Comercial Aberto, onde coñeceu a campaña de Nadal que desenvolve a asociación e mantivo un encontro de traballo coa súa presidenta, Carmen García.
 Durante a súa visita, Vázquez Abeal destacou o importante labor de dinamización e impulso á competitividade do sector comercial que desenvolve a asociación, activando campañas e diferentes iniciativas durante todo o ano para atraer clientes ao comercio do municipio pontevedrés.
 O apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos da estratexia de impulso ao sector que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que desde o ano 2009 concedeu apoios por máis de 300.000 euros para respaldar o traballo do centro comercial aberto guardés.
 A Xunta de Galicia ten en marcha o Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego e que está articulado arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. Un dos obxectivos que se fixan neste plan é incrementar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.

1 comentario: