12 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

O xoves estrease a nova páxina web da Deputación de Pontevedra 

Na súa presentación a presidenta destaca a transparencia, modernidade e claridade do novo portal institucional da entidade provincial web 

A  presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva estivo acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, na presentación da nova páxina web da institución provincial


Infogauda / Pontevedra

 A  presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en rolda de prensa a nova páxina web da institución provincial, da que destacou a súa transparencia, modernidade e claridade. Silva que estivo acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, quixo destacar que  todo o traballo da nova web foi feito polos propios servizos de comunicación e de novas tecnoloxías da institución provincial.  

 O novo portal web, que poderá verse a partir do próximo día quince, substituirá o actual do cal Carmela Silva subliñou que a diferencia era moi notable.  A Presidenta incluso salientou que a web antiga parecía que quería ocultar algunhas cousas pola súa navegación complicada que facía que o cidadán "non voltara a entrar".  

 Da nova web, Silva subliñou que é moi visual e toda a información vai estar a disposición de todos aqueles que queiran visitala e moito máis transparente porque vai contar con toda a información institucional para que todos podan coñecer o traballo da Deputación de Pontevedra. "Vai ser unha páxina moito máis participativa –continuou Silva- para que podamos acercar a representación política aos cidadáns  con enquisas semanais cos usuarios mellorado así a nosa comunicación cos pontevedreses e pontevedresas". 

 Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou que a nova páxina web é "un grandísimo avance" para mellorar a comunicación da Deputación coas pontevedresas e pontevedreses. Destacou que na provincia hai máis dun millón de habitantes, ademais de xente de fóra interesada en Pontevedra, polo que salientou que o obxectivo é chegar a todos eles e aumentar as cifras de visitas actuais  e  que cada vez máis xente se informe sobre a actividade provincial a través da web.  

 O nacionalista destacou ademais que a nova páxina puido terse presentado con anterioridade, mais destacou que non era "unha urxencia" e que se foi traballando "sen presa pero sen pausa para dala a coñecer no momento oportuno", xa que antes houbo outras prioridades de actuación para o goberno. Neste sentido indicou que se foron ordenando os contidos para aumentar a súa visibilidade e comodidade para os usuarios: "En moitas ocasións hai unha disputa política para que aparezan moitas cousas. Neste caso houbo un esforzo moi elevado en reducir os campos para facilitar a lexibilidade e o uso. Agardo que sexa un éxito".  

 A presidenta tamén destacou a maior presenza dos concellos da provincia "que terán un apartado para as súas noticias o aquelo que queiran mostrar na nosa páxina".  

 Outra das novidades tecnolóxicas que presenta a nova web é a súa adaptación a os distintos formatos de navegación, non so dende os ordenadores senón tamén dende aqueles outros útiles como tabletas ou teléfonos móbiles.  

 Carmela Silva subliñou a clara aposta que está a facer a Deputación de Pontevedra polas novas tecnoloxías.  "Así, estamos activamente en Twitter, Facebook, Youtube, Instagram, Periscope e Linkedin".  En Twitter, de feito subliñou a Presidenta, xa somos a Deputación galega con maior número de seguidores, 7.276, e acadamos case 400.000 impresións mensuais nesta rede social.  

 A páxina de Facebook, con  máis seguidores ca Twitter, séguena 8.339 persoas, e ten un alcance dunhas 125.000 impresións mensuais, e os vídeos de Youtube foron reproducidos máis de 76.000 veces.  

 "Dende a nosa nova canle de Periscope queremos contar o que acontece nesta institución en directo, o que está pasando e dende calquera lugar da provincia, en formato vídeo, para que os usuarios poidan velo dende os teléfonos móbiles ou ordenadores", concluíu Silva.  

 Por último, a presidenta subliñou que esta nova páxina web é un novo canle de comunicación coa sociedade porque "esta Deputación quere ser a máis transparente, tecnolóxica e participativa coa cidadanía para que teñan a súa disposición toda a información a que teñen dereito".

Ningún comentario:

Publicar un comentario