12 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN AMPLÍA O PRAZO PARA QUE OS CONCELLOS SE ADHIRAN AO PLAN REVITALIZA DE COMPOSTAXE ATA O 19 DE XANEIRO  

O vicepresidente Mosquera subliña que a prórroga xurde tralo grande interese dos concellos, que están a celebrar numerosas reunións cos técnicos provinciais  

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe a ampliación do prazo para que os concellos se adhiran ao Plan Revitaliza e apliquen a compostaxe como sistema global de tratamento de lixo. Segundo asegurou, a prórroga veu dada polo grande interese dos concellos, que están a celebrar numerosas reunións cos técnicos provinciais. A intención é facilitar a tramitación das solicitudes tanto para as adhesións como para as subvencións.   

 “O noso obxectivo é facilitar o traballo das entidades locais, que están a concretar os detalles dos seus respectivos plans municipais de recollida e tratamento de residuos domiciliarios xunto co asesor provincial Carlos Pérez”, explicou Mosquera, quen destacou que a día de hoxe hai xa moitas solicitudes presentadas e unha previsión de que cheguen bastantes máis. “Agardemos poder dar saída a todas as peticións que recibimos para implantar a compostaxe con garantías de éxito. Entendemos que moitos concellos están animados a cambiar de sistema de xestión, pero queremos facelo de xeito ordenado e cunhas bases ben asentadas”, subliñou o nacionalista.  

 As bases reguladoras das subvencións convocadas para consolidar o Plan Revitaliza foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o pasado 19 de outubro de 2016. A adhesión formal ao plan pretende garantir que o concello traballará durante este mandato para cumprir coa obriga legal de tratar alomenos o 35% da fracción orgánica do lixo mediante compostaxe no ano 2020.Unha vez formalizada a adhesión cada municipio poderá beneficiarse de tres liñas de colaboración: formación de persoal, elaboración dun plan de residuos e subvención de compra de composteiros.   

 A primeira liña, de formación de persoal, pretende dar coñecementos básicos  a traballadores das contratas, municipais ou incluso veciños voluntarios interesados, coa finalidade de que realicen traballos ordinarios nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que serían tutelados polas mestras e mestres composteiros da Deputación.  

 A segunda liña de subvencións permite aos concellos adheridos dispoñer dun plan de residuos individualizado para cada concello no que se estuda que parte da poboación pode compostar de xeito individual, canta pola vía dos centros de compostaxecomunitariae canta a través dunha planta de tratamento. Tamén se terán en conta cuestións como o tipo de recollida ou a existencia de produtores singulares.  

 Finalmente, a terceira liña de axudas é puramente económica e terá continuidade con outras novas ampliacións ata final do mandato. Neste exercicio habilitouse unha partida de 1.250.000 euros que permitirá subvencionar a compra de composteiros individuais e comunitarios aos concellos e que dará unha cobertura a entre 80.000  e 100.000 habitantes. 

 Criterios para as subvencións 
 Con respecto aos criterios para optar ás subvencións, o vicepresidente salientou quea selección realizarase en función da simplicidade de aplicación da compostaxe en cada concello, primando aos concellos de menor tamaño que poidan solucionar a súa xestión a través de composteiros individuais e comunitarios.  

 Mosquera lembrou que os primeiros concellos que se adhiran sairán economicamente beneficiados porque o 1,25 millóns de euros inicial repartirase entre os solicitantes e, de non cubrirse o número previsto, a porcentaxe de subvención poderá subir do 50% ata o 90%. 

 En canto ao aforro para as arcas municipais que suporá a aplicación da compostaxe como modelo de xestión, o vicepresidente asegurou que a inversión necesaria estará amortizada polos concellos no prazo dun só ano. Segundo os cálculos feitos polos técnicos, cada centro de compostaxe comunitario instalado consigue tratar un mínimo de 16 toneladas de orgánicos ao ano. Tendo en conta que o custe medio de tratamento e transporte por tonelada de lixo na provincia está nos 191 euros -dos que 76 euros corresponden ao pago a Sogama-, o aforro está asegurado e permitiría paliar aos concellos o grave déficit que a xestión do lixo supón a día de hoxe. 

 A ampliación do prazo para adherirse ao Plan Revitaliza e optar ás subvencións foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario