28 de dec. de 2016

CULTURA

Xosé Leal: "Galegos Universais pon de relevancia os persoeiros galegos con influencia alén das nosas fronteiras" 

O deputado de Cultura e Lingua participou onte no Museo de Pontevedra na presentación do libro de Hércules de Ediciones inicio dunha colección sobre personaxes da Historia Universal  



Infogauda / Pontevedra

 "A influencia de Galicia no mundo foi -e segue a ser- moi superior ao que tradicionalmente se nos fixo crer". Con esta frase presentouse hoxe no Sexto Edificio do Museo o libro ‘Galegos Universais' de Hércules de Ediciones que analiza a figura de cinco persoeiros decisivos para a historia que naceron ou tiveron grande relación con Galiza. O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asegurou que "publicacións deste tipo poñen de relevancia os persoeiros galegos con influencia alén das nosas fronteiras" e subliñou que "nun marco incomparable como o Museo de Pontevedra podemos coñecer unha escolma de parte das súas intensas vidas".  

 Con estas palabras, Leal deu paso ao coordinador do libro, Alfonso Eiré, así como a Eduardo Esteban, coautor da biografía de Colón. Estes explicaron este volume anúnciase como o inicio dunha colección que quere dar a coñecer episodios e personaxes da Historia Universal e demostrar a súa vinculación con Galicia. Tras a súa publicación en castelán hai uns meses, a obra foi editada en galego.  

 Así, o libro, coordinado por Alfonso Alvite, trata de responder as preguntas de se Cristobal Colón era ou non galego, quen foi Prisciliano, como o arcebispo Xelmírez conseguiu que Santiago se convertera nun centro de peregrinacións, que relación tiña o liberador Simón Bolivar con Galicia, ou poñer sobre a mesa "sentimento galego" do expresidente cubano Fidel Castro. Trátase non só de cinco biografías, senón de cinco relatos da importancia que os galegos tiveron no mundo nos últimos 2000 anos. En palabras do coordinador da obra, de feito, sen a existencia do cinco personaxes escollidos "non se entendería o mundo de hoxe" posto que "son personaxes universais, pero tamén galegos".  

 Para falar de cada un destes persoeiros traballaron diferentes persoas. En concreto, o investigador Victorino Pérez céntrase na figura de Prisciliano; Manuel A. Castiñeiras na de Xelmírez; Eduardo Esteban e Aquilino Farinas argumentan que Galicia foi a terra natal de Cristobal Colón; Xurxo Martínez fala sobre a "galeguidade" de Simón Bolivar, e Alfonso Eiré profunda na relación de Fidel Castro coa terra do seu pai, nacido na localidade lucense de Láncara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario