2 de nov. de 2016

SANIDADE

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle unha exposición sobre a depresión para sensibilizar á sociedade sobre a saúde mental 

O conselleiro de Sanidade en funcións inaugurou hoxe a mostra 'Photovoice: Fotografando a depresión'

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia de dar visibilidade á a situación das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias
Foto: X. de G.

Infogauda / Vigo

 O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia de dar visibilidade á a situación das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias e, así mesmo, reivindicar publicamente os dereitos deste colectivo. Así o destacou na inauguración esta tarde da exposición 'Photovoice: Fotografando a depresión' que se pode visitar no hall do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
 Esta mostra itinerante chega a Vigo co obxecto de darlle máis difusión e reiterar o obxectivo de concienciar á sociedade sobre as necesidades e inquietudes das persoas con depresión.
 Photovoice, explicou, consiste nunha estratexia de investigación e acción participativa na que as persoas crean e analizan fotos que serven para explicarlle ao grupo a súa realidade vital. No caso desta exposición, recóllense as vivencias da súa enfermidade.
 Vázquez Almuiña observou que, debido ás características particulares desta doenza na infancia e na adolescencia é importante contar con profesionais de atención primaria e especialistas en saúde mental con formación e experiencia no manexo do trastorno neste grupo de idade.
 Indicou, así mesmo, que o Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade, conscientes desta realidade promoveron hai sete anos, a través do Proxecto GuíaSalud, a elaboración da Guía de Práctica Clínica sobre a Depresión Maior na Infancia e Adolescencia, que se está a modificar este ano. Esta Guía, sinalou o conselleiro en funcións, estase a actualizar cunha metodoloxía novidosa que recoñece a importancia de incorporar aos pacientes nos procesos de toma de decisións compartidas, xa que esta interacción promove a transparencia e achega información valiosa para integrar valores e preferencias. Neste sentido, salientou a aposta do Servizo Galego de Saúde por integrar e implicar aos pacientes de forma activa en todas as fases da asistencia sanitaria, dende á planificación ata a toma de decisións.
 O conselleiro en funcións explicou na súa intervención que nos últimos anos houbo un importante incremento da prevalenza desta patoloxía a nivel mundial e, de xeito paralelo, unha diminución da súa idade de comezo, de maneira que se converteu, segundo a Organización Mundial da Saúde, nun importante problema de saúde pública.
 A depresión ten un grande impacto sobre o crecemento e desenvolvemento persoal de nenos e adolescentes, sobre o seu rendemento escolar e as súas relacións familiares e interpersoais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario