28 de out. de 2016

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Centro Galego de Arte Contemporánea presenta a mostra da artista Eva Lootz “Cut Through the Fog” 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o día 29 de xaneiro de 2017

Como actividade complementaria, ás 19,00 horas deste sábado terá lugar unha conversa aberta ao público entre a artista Eva Lootz e a comisaria da exposición Alicia Murría

A mostra foi presentada onte polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez; que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo; da comisaria da mostra, Alicia Murría; e da propia artista, Eva Lootz.
Foto: X. de G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 A partires de onte venres, pode visitarse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición Cut Through the Fog. Comisariada pola crítica e historiadora da arte Alicia Murría, non se presenta como unha antolóxica, xa que resultaría imposible abarcar nunha soa mostra máis de corenta anos de traballo; trátase mais ben dunha aproximación a unha serie de pezas significativas que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade.

 A mostra foi presentada onte polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez; que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo; da comisaria da mostra, Alicia Murría; e da propia artista, Eva Lootz. 

 Román Rodríguez convidou aos cidadáns a achegarse ao CGAC para coñecer de preto unha escolma da produción desta artista de recoñecido prestixio internacional, que, aínda que nacida en Viena, está afincada en España desde finais dos anos 60, e, por tanto, “xa forma parte do noso panorama artístico e creativo”. 

 Na exposición pódense ver, entre outras, as pezas Gran cascada, Canon inverso, Circuito roto, Bucle abierto, Como el silencio de una gran orquesta ou Ramas; as esculturas dixitais relacionadas cos ríos realizadas a partir de 2005; e obras máis recentes como Gran torbellino, Niebla, decían... ou o proxecto Wolframio, iniciado con motivo de esta exposición e que parte do feito de que Galicia se converteu, a finais dos anos trinta, na principal provedora de volframio do Terceiro Reich. 

 A través desta selección de pezas representativas da artista o visitante pode apreciar a súa evolución dunha obra na que predomina o carácter poético cara a un traballo de crecente preocupación social. A mostra permanecerá aberta ao público até o día 29 de xaneiro de 2017, e ocupará as salas da planta baixa, o Dobre Espazo, o soto e o hall do CGAC.

Actividades relacionadas

Na tarde de onte venres, ás 19:00 horas, na sala de padroado do CGAC, a artista Eva Lootz mantivo unha conversa aberta ao público coa comisaria da exposición Alicia Murría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario