28 de out. de 2016

O ROSAL

"Pegadas de Castelao" inicia o seu percorrido esta fin de semana en O Rosal 

A representación, a cargo da compañía Migallas Teatro, poderá verse no Auditorio Municipal este sábado día 29 de outubro, ás 19:30 horas 

Migallas Teatro 

Infogauda / O Rosal

 "Pegadas de Castelao" de Migallas Teatro chega a O Rosal no marco da xira teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Esta obra, de carácter familiar, será representada este sábado día 29 de outubro, ás 19:30 horas no Auditorio Municipal.  

 "Pegadas de Castelao" é un espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos, e ten como obxectivo a difusión da figura e obra de Castelao en todas as súas facetas dunha forma amena e divertida. Combina cantar de cego, títeres, e teatro de actor, todo acompañado por música en directo e cantigas tradicionais vinculadas  á súa vida e obra. Tamén trata de axudar a descubrir as fondas pegadas que deixou Castelao no pobo galego e que fan que, en moitos eidos, continúe sendo un firme guieiro do presente. O espectáculo corre a cargo de "Ermelinda" e "Maximino", os dous personaxes da obra que, entre outros temas, interpretarán pezas tan coñecidas como "A Rianxeira", creada por dous veciños de Rianxo para recibir a Castelao cando chegou a Arxentina exiliado.  

 Despois de pasar por O Rosal, esta obra tamén estará en Vilaboa (12 de novembro), A Illa de Arousa (10 de decembro), Portas (11 de decembro), e Barro (23 de decembro). Esta é unha das cinco propostas que o ente provincial incluíu na súa programación teatral con motivo do Ano Castelao e co obxectivo de que os concellos poidan complementar a súas ofertas culturais e posibilitar que o teatro chegue a toda a poboación da provincia. Esta programación inclúe cinco obras, a mencionada "Pegadas de Castelao" de Migallas Teatro, "Os vellos non deben de namorarse" de Teatro do Morcego, "Retrincos de Castelao" de Culturactiva, "Que comera o rei?" de Cándido Pazó, e "A lingua na boca" de Limiar Teatro. Cinco propostas que sumarán 90 representacións ata finais de ano, das cales 62 xa tiveron lugar nos meses de xullo e agosto coa obra "A lingua na boca", que percorreu xa todos os concellos pontevedreses. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario