25 de out. de 2016

ENSINO

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público xunto con FOANPAS teñen a firme decisión de continuar activando todo tipo de mobilizacións e accións a fin de paralizar e derrogar a LOMCE e, por tanto, a supresión das Reválidas. 


MÉRCORES 26 DE OUTUBRO ÁS 19:00 HORAS DIANTE DO MARCO (VIGO)


 O noso empeño aséntase no convencemento de que é unha lei nociva para o ensino público galego. Acrecenta a privatización e mercantilización da educación, promove e segregación do alumnado, reforza a confesionalidade, desterra a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros e impide o dereito á educación para todo o alumnado. A todo isto haille que engadir o cúmulo de despropósitos e atropelos que está supondo a súa implantación, que sementan dúbidas e incertezas. Despreza absolutamente o traballo do profesorado, é un desatino e unha desconsideración co alumnado e unha desfeita para a organización dos centros. 

 Cómpre salientar a irresponsabilidade e prepotencia que amosa o Ministerio, co beneplácito da Consellaría, que, malia estar en funcións, pretende aplicar as reválidas na ESO e en bacharelato pese a que até o 30 de xullo de 2016 non se publicou o Real Decreto que as regula e no que se fixa un prazo, até o 30 de novembro, preto do remate do primeiro trimestre, para estabelecer as características, o deseño e o contido. É dicir, o alumnado será sometido a unhas probas substitutivas da selectividade, sen que a estas alturas coñeza o seu contido e as súas características. Maior desprezo para o profesorado e o alumnado é imposíbel.  

 O sensato e razoábel, como mínimo, sería paralizar a aplicación da LOMCE, non realizar as reválidas e, independentemente da nosa opinión sobre a SELECTIVIDADE, continuar transitoriamente coas probas actuais para acceder á universidade, pois non se pode someter o alumnado de bacharelato a unha proba da que non vai coñecer o seu contido e o seu deseño até o 2º trimestre do curso.   

 Con este propósito convocamos este mércores 26 de outubro un acto lúdico-reivindicativo e funerario no que despediremos como se merece a LOMCE e as Reválidas, dándolle ao goberno en funcións as nosas máis sentidas condolencias por tan sensible perda.  

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario