13 de out. de 2016

A GUARDA

Finalizada a obra de rehabilitación da rampla do Pirún e construción dun miradoiro    

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o 1º Tenente-alcalde Miguel Ángel Español Otero, supervisando in situ a obra de rehabilitación da rampla do Pirún e construción dun miradoiro
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz ven de informar que en días pasados rematou a obra de rehabilitación da rampla do Pirún e construción dun miradoiro. Dende entón, e despois de bastantes meses pechada, os veciños poden utilizar de novo a rampla do Pirún que permite salvar un tramo das escaleiras de baixada ao Porto e da acceso a un grupo de vivendas.  

 O Concello aproveitou a rehabilitación da rampla para construír un miradoiro dado as magníficas vistas ao Porto dende ese punto da vila e a considerable afluencia de persoas que acoden habitualmente para admirar esta paisaxe. O miradoiro construíuse como unha plataforma de madeira a nivel da rúa e permitirá á xente desfrutar de forma máis sosegada das fermosas vistas.  

 O miradoiro enmárcase dentro do proxecto que o equipo de goberno do Concello da Guarda chama “Recunchos urbanos”, que consiste na posta en valor e aproveitamento de espazos degradados pola propia evolución do crecemento da vila e outros que teñen moito potencial e aínda non están explotados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario