26 de out. de 2016

A GUARDA

A EXPOSICIÓN “ESCENARIOS DA PREHISTORIA” PERMANECE ABERTA AO PÚBLICO 

Ata o 31 de outubro no Centro Cultural da Guarda 



Infogauda / A Guarda

 Durante esta semana e ata fin do mes de outubro todo o que o desexe pode achegarse ata o Centro Cultural da Guarda para visitar a exposición “Escenarios da Prehistoria”. 



 A mostra, que foi inaugurada o pasado 14 deste mes, estará aberta ao público ata o luns 31 e o horario, de luns a venres, será das 10:00 ás 13:00 horas, E de 17:00 a 20:00 horas; os sábados só en horario de mañá das 10:00 ás 13:00 horas.  A mostra chegou ó Concello da Guarda tras estar en Marín, Mos e Cuntis, e está organizada polo Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra dentro da programación cultural do Ano Castelao. Nesta exposición inclúense 37 fotografías, que están acompañadas de textos que explican os xacementos que nelas se amosan. 
  

 En conxunto coas obras fotográficas, as ilustracións e os paneis explicativos que as acompañan faise un percorrido polas mámoas, castros e petróglifos máis singulares da provincia a través das fotografías de Federico de la Peña. Ademais, a exposición busca reflexar a preocupación que Castelao sempre mostrou polo noso patrimonio arqueolóxico e artístico e que deixou patente en obras como ‘As cruces de pedra na Galiza’.  É a idea de conservar o noso patrimonio a que vertebra a exposición ‘Escenarios da Prehistoria’, na que se pon de manifesto un dos bens patrimoniais máis relevante da provincia de Pontevedra, como é a súa riqueza en asentamentos prehistóricos de gran relevancia.   

 Quedan por tanto uns últimos días para desfrutar dunha exposición que se divide en catro grandes bloques temáticos: Asentamentos paleolíticos, Monumentos megalíticos, Petróglifos e Castros; e que ten como obxectivo principal poñer en valor o patrimonio da provincia de Pontevedra, dándoo a coñecer nos seus diferentes concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario