21 de set. de 2016

TUI

Tui suma un novo investimento do Plan Concellos e destina 35.000 € á demolición parcial dunha edificación 

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Tui sitúase no 95%, o que supón un investimento na vila de 909.337,69 € 


Infogauda / Tui

 A Deputación de Pontevedra, a través dunha resolución presidencial, vén de aprobar unha nova axuda ao concello de Tui que o sitúa máis preto de acadar o grao de execución do 100% ao abeiro do Plan Concellos 2016. Nesta quenda, os 35.280,22 € que recibe por parte da institución provincial os empregará na demolición parcial da edificación situada no número 2 da rúa Camilo José Cela. Esta actuación atópase dentro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.  

 Este proxecto súmase aos xa aprobados anteriormente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos, que destinou 624.540,31 € na liña 1 para o acondicionamento e ampliación da edificación do futuro comedor escolar do CEIP Plurilingüe e Abalar Nº 2, a reparación, realización de melloras e a conservación das instalacións deportivas municipais "Alcalde Álvarez Durán", a realización de diversas obras de mantemento e conservación do centro municipal de remo, a adquisición dun vehículo que se empregará en servizos municipais do concello, o subministro de mobiliario urbano, a restauración do palco da música no Cantón de Diomedes, a realización de obras no interior do pavillón da Macoca, a demolición do edificio da Avenida de Concordia, a creación dunha área recreativa na Ribeira de Caldelas, no lugar de Baños, para actuar no patio do CEIP Randufe e, por último, elaborar un inventario de camiños municipais da vila.  

 Ademais, 35.712,16 € na liña 3 para a celebración de diversas actividades (a cabalgata de Reis e o Entroido), o financiamento dos programas de servizos municipais (a Escola de Música e o Conservatorio de Música) e o Campamento de Verán 2016 e 213.805 €, finalmente, na liña 4 –emprego– para a contratación de 22 traballadoras e traballadores que están a desenvolver as súas funcións nos servizos municipais da vila.  

 No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Tui sitúase no 95,4% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 909.337,69 €.

Ningún comentario:

Publicar un comentario