13 de set. de 2016

TOMIÑO

O POBO DE TOMIÑO HOMENAXEOU A DANIEL PINO VICENTE, DESTACADO SOCIÓLOGO NATURAL DE FORCADELA


Nun emotivo acto cívico, celebrado no marco das Festas do Alivio, amigos, colegas, familiares e políticos felicitaron ao profesional, que é o décimo “tomiñés distinguido”  


Infogauda / Tomiño

 A Corporación Municipal do Concello de Tomiño, coa alcaldesa Sandra Gonzalez á cabeza, rendeu onte un sentido homenaxe ao sociólogo urbanista Daniel Pino Vicente, veciño de Forcadela, converténdoo deste xeito, no décimo “tomiñés distinguido” no Acto Cívico do Alivio, organizado polo Concello.  

 Ademais de políticos e pobo en xeral, o homenaxeado estivo arroupado por familiares, amigos e colegas, que se achegaron até a Praza do Seixo, fronte á Casa do Concello, dende diferentes puntos de Galicia. Entre os convidados atopábase tamén a maioría dos tomiñeses distinguidos en anos anteriores.  

 O acto contou coa presenza da banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou o acto, interpretando varias pezas, entre elas, o Himno Galego. 

Daniel Pino Vicente na súa intervención

 Daniel Pino foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer sinceramente o recoñecemento popular. “Estou sinceramente agradecido a esta corporación liderada por Sandra, que ten levado a Tomiño a recuperar un pulo que tiña perdido. Gracias, pois. Noraboa e adiante. Nesa viaxe que Tomiño está a levar conten comigo en todo o que eu poda ofrendar”, sinalou visiblemente emocionado. 

 A continuación deu lectura a un poema do seu libro No leme das lembranzas, “para acreditar o meu amor pola miña terra”.  

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, xunto a Daniel Pino Vicente, familiares, amigos e veciños do homenaxeado

A alcaldesa, pola súa banda, definiu a Daniel Pino coma “un adiantado” para a súa época, salientando a súa traxectoria no ámbito do urbanismo dende una perspectiva sociolóxica, ademais de resaltar os seus valores persoais. “Daniel Pino é un tomiñés adiantado ao seu tempo, unha persoa que tivo claro dende neno que tiña que estudar para progresar, que viaxou por Europa, que sabía que a democracia era o futuro, cando apostar por ela era arriscar a vida; que tivo claro que coñecer a pel e a textura do país era importante para ordenalo e para darlle un futuro”, dixo Sandra González.

 Daniel Pino Vicente é un profesional respectado en todo o territorio español coma un dos grandes estudosos do planeamento e do urbanismo, o que lle valeu numerosos premios e distincións nacionais e internacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario