A conselleira do Mar clausurou a Xornada formativa de aplicación de medidas prácticas de Responsabilidade Social Corporativa nas confrarías de pescadores da Coruña
Rosa Quintana enxalza o papel das confrarías de pescadores na dinamización socioeconómica do litoral
Sinalou que a aplicación de medidas de Responsabilidade Social Corporativa nas confrarías operará como un instrumento de innovación dos territorios costeiros
Destacou a importancia de manter un medio sustentable, sen descoidar os aspectos sociais e económicos
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe en Ames a Xornada formativa de aplicación de medidas prácticas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC)
Infogauda / Ames (A Coruña)
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe en Ames a Xornada formativa de aplicación de medidas prácticas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) nas confrarías de pescadores da provincia da Coruña. Alí destacou o papel das confrarías de pescadores na dinamización socioeconómica do litoral e sinalou que o que se pretende a través da Responsabilidade Social Corporativa é reforzar e afianzar ese rol.
Rosa Quintana sinalou que a aplicación de medidas de Responsabilidade Social Corporativa nas confrarías “operará como un instrumento de innovación dos territorios costeiros”. Neste sentido, destacou a importancia de manter un medio sustentable, sen descoidar os aspectos sociais e económicos e lembrou que iso é o que alberga a RSC, que é a contribución activa e voluntaria ao melloramento social, económico e ambiental por parte das empresas ou sociedades. Baixo este concepto, engadiu, englóbanse “un conxunto de prácticas, estratexias e sistemas de xestión tendentes a buscar un novo equilibro entre eses tres aspectos”.
Neste sentido, engadiu que a xornada organizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, en colaboración coa Consellería do Mar, reflicte “a importancia do traballo conxunto e da incidencia do papel das confrarías na consecución duns mares máis sustentables nos seus aspectos medioambientais, económicos e sociais”. Nela abordáronse e puxéronse exemplos prácticos sobre os eidos sociais, ambientais e económicos da RSC nas confrarías de pescadores.
Guía da RSC nas confrarías
En novembro do ano pasado a Consellería do Mar presentou ás confrarías de pescadores a Guía de Responsabilidade Social Corporativa realizada pola Xunta como ferramenta de xestión destes colectivos. Esta guía está dispoñible neste enlace da web da Consellería do Mar e constitúe unha nova perspectiva de xestión para as confrarías de pescadores, co fin de establecer novos sistemas de xestión empresarial buscando a transparencia e o equilibrio entre as dimensións social, económica e ambiental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario