5 de set. de 2016

IGOALDADE

O DOG publica a convocatoria de subvencións para a promoción da igualdade nas entidades locais galegas 

Os concellos galegos disporán de máis de 4,2 millóns de euros para realizar actuacións de conciliación, prevención da violencia de xénero e apoio aos CIM  

As solicitudes poden presentarse de xeito individual ou conxunto ata o vindeiro 5 de outubro

Infogauda / Galicia

 O DOG publica hoxe a convocatoria das subvencións para a promoción da igualdade nas entidades locais galegas, que nesta edición conta cun orzamento de 4,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
A convocatoria está dirixida tanto a concellos como a consorcios, mancomunidades e agrupacións ou asociacións de concellos, que poderán entregar as súas solicitudes -unha por programa- ata o vindeiro 5 de outubro. As solicitudes poden presentarse de xeito individual ou conxunto, tendo prioridade estas últimas.
Existen tres tipos de programas subvencionables: programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e programas de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

 A primeira liña de axudas engloba as medidas que os concellos adopten para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; entre as que se atopan, por exemplo, os bancos de tempo. A contía máxima desta subvención é de 12.000 euros, no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros, se é unha solicitude conxunta.
 A segunda liña, de prevención da violencia de xénero, subvenciona as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas da violencia machista, así como as súas fillas e fillos e as persoas dependentes delas. Tamén abrangue actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros, no caso dunha solicitude individual, e ata 20.000 euros para solicitudes conxuntas.
 A terceira e última liña de axudas ten coma finalidade reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan os seus servizos neles. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa de xeito individual é de 45.000 euros, e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Para esta liña de actuación, o importe nesta convocatoria supera os 3,3 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario