5 de set. de 2016

EMPREGO

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba o expediente de contratación para o programa "Depoemprende" 

A iniciativa de emprendemento xuvenil beneficiará a 120 persoas desempregadas e menores de 30 anos da provincia de Pontevedra 


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de formación e mentorización de mozos e mozas emprendedoras no marco de "DepoEmprende", que a institución provincial realizará en colaboración coas cámaras de comercio da provincia. Deste xeito, o Goberno provincial aprobou o expediente de contratación por un importe de licitación de 144.468,16 €, IVE incluído, e inicia o procedemento de adxudicación durante 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia. 

 Cabe relembrar que "DepoEmprende" está dotado con 260.000 € e ten como finalidade o impulso do emprendemento e a cultura emprendedora xuvenís na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.  

 Estas últimas semanas, a Deputación de Pontevedra impartiu unha serie de xornadas informativas ao longo da provincia nas que deu a coñecer entre as mozas e mozos da provincia os obxectivos e contidos de "DepoEmprende", entre os que se atopan o fomento do espírito emprendedor e a cultura emprendedora, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, así como a incorporación ao mercado laboral de 120 mozas e mozos da provincia a través de itinerarios de emprendemento xuvenil adaptados ás súas necesidades.  

 Os mozos e mozas que participen na iniciativa serán apoiados en todo o momento pola Deputación de Pontevedra, que os axudará a deseñar un plan e un proxecto personalizados para cada participante, nos que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais. A institución provincial tamén se encargará de asesorar a cada participante nas etapas iniciais dos proxectos, de dirixir e supervisalos, de promover a cultura emprendedora e de impulsar a formación para o emprendemento.  

 Un dos obxectivos prioritarios do Goberno da Deputación de Pontevedra é a loita contra o desemprego para converter a provincia nun territorio próspero. Con "DepoEmprende", a Deputación de Pontevedra quere promover que os proxectos medren de xeito competitivo, consolidando solucións óptimas en xestión de recursos, incrementando o valor da innovación para fortalecer o tecido empresarial, mellorando a prestación de servizos, desenvolvendo novos produtos e modelos de negocio e creando emprego, xa que se pretende incorporar ao mercado laboral ás 120 mozas e mozos participantes.  

 O impulso do emprego xuvenil é un dos obxectivos prioritarios para a Deputación de Pontevedra. De feito, o novo Goberno da Deputación está a impulsar proxectos específicos para a mocidade como o Plan de Práctica Laboral para Deputación e Concellos da provincia, xa en marcha, ou o Plan para empresas e organizacións non gobernamentais, cuxo prazo para anotarse rematou esta mesma semana, ademais do programa "Practicum Depo", que facilita a estadía formativa no estranxeiro de mozos e mozas con estudos de formación profesional, así como o convenio asinado coa Universidade de Vigo para complementar a estudantes beneficiarios de becas Erasmus. 

 A Deputación de Pontevedra está a destinar, este ano, un 20,5% máis de recursos ao fomento do emprego, investindo 15,3 millóns de euros en planificar estratexias de desenvolvemento coa finalidade de impulsar o crecemento económico e o progreso social da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario