17 de ago. de 2016

GALICIA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou un convenio co responsable desta entidade en Santiago, José Anuncio Rañó 

A Xunta de Galicia apoia un programa de formación e orientación de Cáritas dirixido a familias monoparentais 

A administración autonómica achega 25.000 euros a esta iniciativa que ofrece un servizo de formación, orientación e apoio ás familias monoparentais que, carentes dos recursos e medios axeitados, precisan dunha prestación asistencial para a normalización da súa convivencia

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, apoiará a Cáritas Diocesana nunha iniciativa de formación, orientación e apoio destinada ás familias monoparentais


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, apoiará a Cáritas Diocesana nunha iniciativa de formación, orientación e apoio destinada ás familias monoparentais. A administración autonómica contribuirá este ano con 25.000 euros ao desenvolvemento deste programa, segundo se recolle no convenio de colaboración que vén de asinar o conselleiro José Manuel Rey Varela co responsable desta entidade de iniciativa social en Santiago, José Anuncio Rañó.
 Rey Varela destacou a recoñecida experiencia e formación de Cáritas na atención a familias monoparentais sen os medios e recursos axeitados, e que ademais conta co único centro existente en Galicia para estes fins, situado en Santiago de Compostela. Con este acordo, a Xunta de Galicia volverá a apoiar economicamente a esta entidade para que siga levando a cabo ao longo de 2016 unha tarefa de formación, orientación e apoio ás familias monoparentais que, carentes dos recursos e medios axeitados, precisan dun servizo asistencial para a normalización da súa convivencia,
 O titular da carteira autonómica de Política Social enmarcou este convenio na firme decisión do Goberno galego de “estar máis cerca das persoas e familias con menos recursos e que máis precisan do apoio da administración”, o que se reflicte no aumento en máis dun 12% dos orzamentos dirixidos ao impulso das políticas sociais. Neste sentido, Rey Varela engadiu que “procurar que todas as familias teñan as mesmas oportunidades e acceso aos recursos é unha tarefa na que todos debemos sumar; de aí a importancia da intensificar a colaboración con outras administracións e coas entidades sociais que traballan día a día neste ámbito e que están moi pegadas á realidade”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario