18 de ago. de 2016

A GUARDA

CULTURA

"UN MAR DE EMOCIONS": UNHA EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA E VÍDEO QUE NINGUÉN DEBERÍA PERDERSE

A exposición poderá ser visitada no Centro Cultural ata o día 21 de agosto. O horario de luns a sábado é de 10:30 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. O domingo está aberta de 19:00 a 22:00 horas. 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O mar, o noso mar, que como un abondoso líquido amniótico é fonte nutricia de vida, e as veces, infortunadamente, de todo o contrario, ten nestes días de agosto un protagonismo especial na arte fotográfica, e máis concretamente na exposición "Un mar de emocións", que ata o vindeiro domingo día 21 deste mes podemos visitar no Centro Cultural de A Guarda.

 Na exposición, organizada polos compoñentes do Grupo ON, coa colaboura do Concello de A Guarda, o visitante non soio vai atopar unha escolma de fotografías nas que o mar é o protagonista principal, senón que ademáis poderá visionar catro vídeos da autoría de José Carlos Castro Martínez: Mare Nostrum, Lúa Trega e A vista de cangrejo (sic), así como o trailer desta exposición. 


 A beleza do mar, súa forza, súas tonalidades cambiantes, súa escuma, seu son, súa biodiversidade, súa relación co ser humán,..., están reflectidas nas imaxes de vídeo de J. Carlos Castro, magníficamente montadas e con unhas bandas sonoras óptimamente elexidas. Todo elo fai que o espectador se sinta como se estivera a carón da rompente, escoitando o enxurrar da auga mariña, logo de bater contra as rochas, os arrecifes ou os cons. Unha e outra vez, de xeito persistente, teimoso, sen medo,... Porque o mar non o ten. Somos nós os que temos que terlle respecto, e as veces, co seu bruar engaiolante, esquecémonos que para o mar somos como bonecos. Nada máis. O mar, que ninguén o dubide, é como un deus mitolóxico. Superior a tódolos mortais xuntos. E que ninguén esqueza que a vida humana no Planeta Azul está directamente vencellada o mar. Non hai xustificación algunha para que tratemos o mar como se de un vertedoiro se tratase. 


 Feita esa reflexión pública, temos que salientar que tanto as fotografías como os vídeos que podemos ollar na exposición "Un mar de emocións", acreditan a sensibilidade artística dos compoñentes do Grupo ON. Polo tanto, que ninguén deixe de visitar esta mostra porque con toda certeza vai disfroitar con ela.

 A exposición poderá ser visitada ata o día 21 de agosto. O horario de luns a sábado é de 10:30 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. O domingo está aberta de 19:00 a 22:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario