21 de maio de 2016

PONTEVEDRA

O goberno da Deputación adxudica a xestión e execución do programa "Depotermal 2016" 

A gran novidade do programa é a reserva de 434 prazas das 4.343 ofertadas para persoas en risco de exclusión ou con dificultades económicas, apostando así por un inequívoco compromiso social 

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra ven de adxudicar, mediante procedemento aberto, a xestión, desenvolvemento e execución do programa impulsado pola institución provincial "Deportermal 2016" á empresa Halcón Viajes, S.A.  

 Este programa de termalismo social ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas e, a súa vez, ser un plan dinamizador da economía provincial, impulsando a creación e mantemento dos postos de emprego no sector turístico durante os períodos de menor actividade. O programa será impulsado pola Deputación, cunha achega de 102.000 euros.  

 Así, "Depotermal" conta con dúas modalidade. A primeira delas con estadías diúrnas durante cinco días consecutivos sen hospedaxe nos balnearios (1.248 prazas) e, o segundo, que incluirá tamén a pernoctación nos hoteis durante eses días (3.186 prazas).   

 Dos 8 establecementos ofertados pola empresa adxudicataria na modalidade diúrna 4 son spas, 2 son talaso e 2 balnearios; e na modalidade con pernoctación 3 son talaso, 3 spas e 2 balnearios.  

 A gran novidade do programa é que, por primeira vez, resérvanse 434 prazas a persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión que non podían acceder por motivos económicos, apostando así por un compromiso social inequívoco.  

 As solicitudes para participar deberán presentarse unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, do mesmo xeito que o deberán facer os concellos que queiran participar no programa nun prazo de 20 días naturais.  

 Ademais, aquelas persoas que desexen optar a algunha das 4 prazas reservadas para cada concello da provincia, adherido ao programa, para persoas sen recursos, na modalidade sen hospedaxe, ou as 3 reservadas para o programa con pernoctación, deberán achegar un informe dos técnicos sociais de cada concello que acrediten a súa situación persoal e que lle será remitido por estes servizos á propia Deputación. Para o resto das prazas se estipula unha puntuación para acceder ao programa, en función da renda dos pensionistas ou a necesidade do "respiro social".

Ningún comentario:

Publicar un comentario