COMUNICADO CONXUNTO DE CIG E ELA
«A non ratificación da Carta Social Europea de 1996 é unha mostra do escaso compromiso de España coa democracia e os dereitos humanos»
A Carta Social
Europea, adoptada en 1961 no seo do Consello de Europa, é un tratado
internacional que garante os dereitos sociais e económicos ao traballo, á
vivenda, á saúde e á educación, entre outros. Foi complementada en 1995 cun
Protocolo de reclamacións colectivas que permite aos sindicatos e outras
organizacións recorrer as disposicións estatais en instancias internacionais.
O Reino de
España ratificou a Carta Social en 1980 e o Protocolo adicional de 1988 en
xaneiro de 2000. Porén, segue sen aceptar o Protocolo de Reclamacións
Colectivas de 1995, que non foi nin asinado nin ratificado. Ademais, a versión
da Carta revisada de 1996, que foi asinada en outubro de 2000, non foi aínda
ratificada. Entre os preceptos non ratificados, algúns presentan epígrafes tan
significativas como: «dereito á protección fronte ao despedimento», «dereito á
dignidade no traballo», «dereito a protección fronte á pobreza e exclusión
social» ou «dereito á vivenda».
Trátase, xa que
logo, de normas de gran importancia para a defensa dos dereitos dos
traballadores e traballadoras. O organismo de control da Carta, o Comité
Europeo de Dereitos Sociais, ten capacidade para fiscalizar as decisións dos
estados membros en materia de dereitos sociais, o que nos abriría, en opinión de CIG e ELA,
novas posibilidades para combater a actual ofensiva de demolición do dereito do
traballo e da protección social, por exemplo, os efectos máis perversos
e inxustos das últimas reformas laborais.
A asunción de
obrigas internacionais, mediante a ratificación dos tratados máis avanzados, é
un bo indicador do compromiso dos estados cos dereitos humanos e as garantías
democráticas. O Estado español forma parte do «grupo da vergoña» (nove estados
dun total de corenta e tres) que seguen sen ratificar a Carta Social Europea
(revisada) e o Protocolo de Reclamacións Colectivas.
Os sindicatos
CIG e ELA imos promover ante os parlamentos de Galiza e Hego Euskal Herria
(Gasteiz e Iruña) que adopten resolucións instando o Parlamento español a que
poña fin a esta situación, que coloca os pobos galego e vasco, así como o resto
de pobos do Estado, nunha situación de clara desvantaxe para a protección e
defensa dos seus dereitos, en relación cos doutros países do contorno europea.
Santiago de
Compostela, 19 de
maio de 2016.
Comité
Executivo de ELA
Executiva
Confederal de CIG
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario