18 de maio de 2016

CULTURA

Xosé Leal: "os medios audiovisuais permitiránnos relanzar o coñecemento sobre o noso patrimonio arqueolóxico" 

O deputado de Cultura e Lingua presentou, no Día Internacional dos Museos, o proxecto 'Telearqueoloxía' que rematará a finais de ano cun concurso de curtametraxes



Infogauda / Pontevedra

 "Este proxecto permitiranos, a través dos medios audiovisuais, relanzar actividades de coñecemento da arqueoloxía da provincia, nun ano no que xa vimos realizando toda unha serie de accións relacionadas con este ámbito" sinalou Xosé Leal na presentación do proxecto 'Telearqueoloxía'. Un proxecto concibido para que tanto persoas físicas como colectivos participen na posta en valor da riqueza arqueolóxica da provincia e na súa difusión a través dun concurso de curtametraxes sobre esta temática. A presentación, na que tamén estiveron presentes o director do Museo, Carlos Valle, e a coordinadora do proxecto, Saleta González, fíxose coincidir co Día Internacional dos Museos, que nesta edición se centra nas 'Paisaxes Culturais'.  

 Referíndose a esta efeméride internacional, Xosé Leal salientou que "Telearqueoloxía' é un exemplo precisamente das actividades que levamos facendo ao longo deste Ano Castelao para poñer en valor a relación entre o Museo e a paisaxe cultural que nos é propia". Neste punto, Leal engadiu que "o proxecto está moi relacionado co traballo do propio Castelao a prol da conservación da arqueoloxía e do patrimonio, que é un traballo que queremos destacar especialmente", ao tempo que tamén sinalou que "o concurso de curtametraxes previsto para finais de ano coincidirá case á par coa creación das Irmandades da Fala na cidade de Pontevedra".  O deputado de Cultura e Lingua ligou a paisaxe cultural do Museo de Pontevedra coas orixes da institución, que tomara o relevo da 'Sociedad Arqueológica', e cos seus fundadores e impulsores, entre os que se conta Castelao, e o seu labor a prol da protección, investigación e difusión do patrimonio. Cuestións todas elas reflectidas na Declaración Institucional que con motivo do Día Internacional dos Museos difunde nesta xornada o Museo de Pontevedra. (xúntase documento coa Declaración Institucional)  

 Tanto o deputado como o director do Museo fixeron especial fincapé en destacar a importancia do uso dos formatos dixitais e audiovisuais para promover a investigación e a difusión da arqueoloxía. "O pasado non é nada sen o presente e sobre todo sen o futuro, e hoxe o futuro son as novas tecnoloxías" asegurou Carlos Valle.  

Un proxecto participativo en tres fases  
 Telearqueoloxía será un proxecto participativo aberto á participación da cidadanía, ben a través de colectivos, universidades ou concellos, ben a través de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como poden ser docentes ou investigadores.  

 No marco do proxecto, establécense tres fases. A primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.  

 Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, contempla a realización de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Impartirase formación sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e ensinarase a crear e editar as investigacións e formato dixital. Estes obradoiros desenvolveranse nas sedes do Grupo Dolmen e permitirán a participación de público tanto maior como menor de idade. No caso de persoas menores de idade os obradoiros serán canalizados a través de institutos e centros de formación. 

 Finalmente, entre os días 14 e 16 de decembro, celebrarase o festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica, con dúas categorías. A Categoría "Lascas" para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a Categoría "Bifaces" para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade. Poderase participar de xeito individual ou colectivo a través de centros de ensino, agrupacións culturais, asociacións e universidades.  Estableceranse tres premios en cada categoría.  

 As bases estarán dispoñibles nos vindeiros días na web do Museo de Pontevedra e a partires da semana que vén está previsto realizar encontros con concellos e organizacións asociativas para explicar polo miúdo como canalizar a participación neste proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario