21 de maio de 2016

CULTURA

A Deputación de Pontevedra comeza a realizar a redacción do informe avaliativo das 40.000 pezas atopadas nas escavacions do Monte Santa Trega (A Guarda)

O arqueólogo da institución, Rafael Rodríguez, sinalou que as probas de Carbono 14 confirman que a ocupación do castro se iniciou antes do século IV a. C.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o arqueólogo da institución, Rafael Rodríguez


Infogauda / Pontevedra

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do arqueólogo da institución, Rafael Rodríguez, deu a coñecer onte venres día 20 de maio, os principais datos relativos á conclusión dos traballos de escavación no Castro de Santa Trega. Silva, destacou que se atoparon no recinto máis de 40.000 pezas que están sendo analizadas por persoal da institución provincial e que formarán parte do informe avaliativo que se comezou a redactar onte.  

 A Deputación de Pontevedra, a través do protocolo asinado co Ministerio de Fomento, está a acometer unha serie de actuacións para poñer en valor 18 xacementos galaico-romanos da provincia. A través desta actuación, que inclúe, tal e como subliñou Silva, dende labores de limpeza, mantemento e escavación, ata actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D, a institución provincial pretende impulsar o patrimonio e a dinamización socioeconómica, cultural e turística de Pontevedra. 

 O arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, subliñou que a intervención en Santa Trega realizouse nun área de 2000 m2 onde se atoparon 40.000 pezas e 43 estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares.  Rodríguez destacou que ata o de agora pensábase que o castro estivera ocupado entre o século I A.C. ata o I D.C.  pero "as probas de Carbono 14 realizadas veñen a confirmar que a ocupación se iniciou antes do século IV A.C., incluso vestixios indican que puido ter lugar no século VIII a. C.".

 Rafael Rodríguez deu a coñecer que foi no século II a.C. cando se intensifica a ocupación do Trega e no século I a.C. cando se reformulan os espazos e as familias comezan a crear as súas unidades e estruturas familiares. Neste contexto, Rodríguez subliña que "foi a partir do século I a. C. cando se evidencia a existencia e diferenciación entre o mundo privado e o público en Santa Trega".  

 A falta do informe avaliativo que se iniciou hoxe, Rodríguez avanzou que "entre as 40.000 pezas encontradas, algunhas delas procedentes de Cartago, norte de África e Sur da Península Ibérica, aparecen obxectos do mundo cotiá pero tamén outros tantos, como o Cabezón do Trega, relacionados co mundo das crenzas e relixioso". Neste contexto, Rafael Rodríguez destacou a existencia de construcións significativas como unha edificación romana, de carácter social ou relixioso, baixo a cal se sitúa a famosa "gruta do Trega", na que se atoparon vestixios do século IV a. C., e que se estima que tiña tamén un uso relacionado co mundo das crenzas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario