18 de maio de 2016

BAIXO MIÑO

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, (AXI), Francisco Menéndez, abordou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia esta infraestrutura viaria 

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa vía de altas prestacións do Baixo Miño, cuxa execución do enlace de áreas se iniciará o vindeiro ano 

Menéndez indica que na actualidade estase a redactar o prego para a licitación nas vindeiras datas do proxecto construtivo deste novo enlace 

Destaca o investimento de 60 millóns de euros no treito Goián- A Guarda grazas ao que o Baixo Miño conta dende 2014 con 10 quilómetros de vía de altas prestacións cos que 6.000 vehículos diarios ven mellorados os tempos de percorrido

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, (AXI), Francisco Menéndez, hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

Infogauda / Baixo Miño

 O director da Axencia Galega de Infraestruturas, (AXI), Francisco Menéndez, reafirmou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta de avanzar na VAP Tui- A Guarda e destacou que a execución do enlace de Areas se iniciará o vindeiro ano.
 O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente o anuncio polo que somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados deste novo treito. Na actualidade estase a redactar o prego para a licitación nas vindeiras datas do proxecto construtivo.
 Menéndez destacou que tal e como informou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, aos alcaldes do Baixo Miño, a vontade é seguir avanzando, agora que a solvencia económica da Xunta o permiten, comezando polos investimentos máis urxentes e que maiores beneficios dean á cidadanía. Así, logo dunha análise técnica, funcional e social, determinouse que o primeiro tramo que hai que retomar é o que afecta ao Concello de Tui, no polígono de Areas, onde conflúen a futura VAP á Guarda, a Autovía A-55 que une Vigo con Portugal, a N-551 que leva á ponte internacional e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño.
 O director da AXI subliñou que a pesar da recesión económica dos últimos anos, a Xunta investiu 60 millóns de euros no treito que une Goián coa Guarda e grazas a ese investimento, dende o ano 2014, o Baixo Miño conta con 10 km de vía de altas prestacións cos que máis de 6.000 vehículos cada día ven mellorados os tempos de percorrido e, sobre todo, a súa seguridade viaria.
 Francisco Menéndez explicou que coa fin de optimizar a execución dos orzamentos, a Axencia Galega de Infraestruturas propuxo en febreiro a modificación da anualidade 2016 do Fondo de Compensación Interterritorial, que foi autorizada pola Consellería de Facenda. Trátase de cartos procedentes do FCI que o Goberno central transfire á comunidade para financiar determinados proxectos e requiren dunha xestión e unha xustificación esixentes e que, polo tanto, deben ser asignados ás actuacións que maiores facilidades teñan para o cumprimento dos seus requisitos. Non obstante, o director concretou que o cambio no destino do FCI non muda a determinación da Xunta de Galicia co eixo Tui-A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario