CULTURA
ENRIQUE VICENTE GARCÍA, TALLISTA, ESCULTOR EN PEDRA, E MAQUETISTA NAVAL
"(...) Sempre me chamou a atención a talla (...)".
Enrique Vicente García con unha dorna a vela, feita íntegramente coas súas máns
Fotos: Laxe Grande
Laxe Grande / A Guarda
Chámase Enrique Vicente García. É unha persoa
educada, sinxela, nada interesada, respectuosa,..., entre outros valores que
forman parte do seu perfil humano, que herdou dos seus maiores, e poida que máis concretamente
de seu avó Joaquín García Portela, relembrado fotógrafo guardés.
Enrique é un home autodidacta, con inquedanzas artísticas,
e proba delo son súas creacións en madeira tallada e tamén en pedra esculpida.
Por outra parte, ademais dunha ampla traxectoria profisional desenvolvida na súa etapa laboral, da cal hoxendía está xubilado; é un verdadeiro artesán do maquetismo naval, onde xunto o ánemo de comezar súas obras, ten tido á gloria de conclui-las con éxito e
fidelidade os modelos reais.
É un verdadeiro experto en embarcacions
tradicionais, tanto de Galicia como de Portugal, afección que lle ten motivado a acudir a eventos náuticos e
visitar museos monográficos. É de moito mérito a variada producción que ten
feito, por puro divertimento, aproveitando intres de lecer.
Por ser de xustiza, compre salientar que a carón de Enrique está
Amelia, unha muller afanosa, traballadora a carta cabal, que coñece os
sacrificios que conleva formar unha familia e darlles unha formación académica
os fillos, que lles permita desenvolverse do mellor xeito posible, nas súas
vidas cotiás. Amelia e Enrique, forman xunto cos seus fillos Ana, Xurxo e
Cheli, unha familia que son todo un exemplo.
Grazas a súa própia iniciativa e ao apoio dos seus, foi como Enrique
pudo desenvolver súa actividade creativa.
Con Enrique compartimos á satisfacción de
ademirar todo canto ten feito e tamén ás seguintes vivencias que forman
parte da súa traxectoria persoal:
“Nacín
e crecín na Laxe Grande, desde donde se dominaba coa vista todo movemento
portuario, moi cerca da Casa de Baños, cando as casas se contaban cos dedos da
man.
A miña infancia transcorreu entre a escola e as
pedras do mar. Xunto con outros rapaces, pescaba, xogábamos con barcos de lata,
nadábamos, etc.. Sempre descalzos. No meu caso era porque me gustaba, pero
outros era por necesidade.
Os rapaces, de cando en vez, o sair da escola
ás 12, íamos tocar o Angelus, no campanario da igrexa parroquial, co visto bó
do Sr. Florindo, o sancristán. Nós de trastes, dábamos sempre unha badalada de
máis, sin permiso. Por picardía. Segundo a crenza popular, o 13 é mal número.
Tamén lle dábamos a bomba manual da Casa de
Baños, por broma, e o dono todo contento. A propietaria era curmá carnal de meu
pai.
De vrán mirábase o espectáculo de salir as
gamelas o xeito. Alí mesmo izaban a vela e perdíanse no horizonte. Había días
que nos daba por conta-las.
Na zona, tamén había un matadoiro municipal, onde
o portal estaba aberto e os rapaces entrábamos e salíamos como “Perico pola súa
casa”, para que nos deran a vexiga para xogar. Agora que pasaron os anos, penso
que o portal debera estar pechado.
Xunto coas miñas tres irmás, a miña nai
coidaba de nós, alternando coas leiras, pois meu pai emigrou a Venezuela dúas
veces e andivo de motorista en dous pesqueiros. De vez en cando a miña nai
mandábame a mín con unha cesta buscar o quiñón á Ribeira.
ESCOLAS
A coidadora na miña etapa de infancia foi Tía
María (Piñeira), xunto coas miñas irmás. Fun a Escola Nacional Infantil Mixta,
con dona Marina Melero, así como a escola particular de dona Laura e dona
Aurora, que eran irmás. Tamén asistín a Escola Graduada de nenos, onde exercían
como profesores don Martín, don Víctor e don Nicolás.
Cando saía da escola poñíame de chapón na
carpintería – funeraria de Remigio Conde, observando como tallaba as caixas de
difuntos. Sempre me chamou a atención a talla.
Ainda non tiña 13 anos, tratei de buscar
traballo como ebanista, pero ninguén me quixo porque os rapaces daban perda
ensinalos, e meu pai levoume para o taller de cerrraxería e forxa de Valentín
Portela Loureiro. O mestre don Nicolás empezou a presionar a meu pai (grazas
mestre) que fora a escola de noite para obter o Certificado de Estudos Primarios.
E así foi, o cabo de dous invernos.
Pasado un tempo emigrei a Alemania, onde
estiven tres anos.
Tamén traballei en Astilleros J. Castro, ata o
fin da miña vida laboral, sempre nun oficio frustrado entre ferros e metales,
pero a miña vida non estaba como para andar a cambiar de oficio a cada dúas por
tres, e menos tendo unha familia. Deixando o oficio a un lado, síntome agradecido ás personas que no meu percorrido laboral déronme traballo.
MILI
Estiven
dous anos como militar destinado no buque-escola Juan Sebastián Elcano, onde
comida non me faltaba, traballos e sono tampouco, ainda que no fondo gustábame.
Como curiosidade observaba como evolucionaba o barco maniobrando algunha vela
das múltiples que ten. Pensando nos
mariñeiros, mirar o mar desde o Muelle Alto coas mans no bolso, é unha
cousa, e estar traballando en riba del é outra, con todos os perigos que ten.
Son uns valentes.
LEMBRANZAS
Recordo
na miña infancia que viñan o noso porto grupos de barcos de vapor (os últimos).
Decían que eran de Moaña e Cangas, que por non ir a Vigo e voltar, recalaban
eiquí. Chamaban atención cando pitaban co asubío de vapor.
Tamén recordo a motoveleiros que na entrada do
porto recollían o práctico para entrar no río. Un dos últimos foi o coñecido “Serrucho”.
Tamén estaba o porto cheo de redes da ardora a
secar, e como non cabían, levábanas para A Cruzada.
Os barcos invernaban na Pasaxe e eu ía con meu
pai o barco onde traballaba como motorista para faer o mantemento, e chamábanme
a atención os carochos (hoxe desaparecidos). Desconfío que debían ser de Pías
(San Miguel de Tabagón), e algún portugués.
Ata A Pasaxe tamén ía con meu pai, a ver
algún partido no antigo campo do Miño, e a algunha botadura dos antigos barcos
de cabotaxe. Recordo, en días de temporal, estar o varadoiro cheo de pequenos
barcos e gamelas, Hoxe vexo que as gamelas tenden a desaparecer, desprazadas
por planeadoras de poliester ou alteradas as súas formas, por esixencias da
vida moderna, motorización, nasas, etc..
Jesús Castro (“Chaval”), patrón maior da
confraría de pescadores, levoume un par de veces o xeito, i eu, como bó
mariñeiro de auga doce, unha noite entroume mareo. Como recompensa deume un
cubo de sardiñas, a cambio de non facer nada. Cando me ven á memoria dáme a
risa.
MODELISMO - ESCULTURA
Desde rapaz, agradábame escarvar na madeira,
facendo cousas simples con unha navalla. Non coñecía outra cousa. Tamén tallei
varias veces os dedos. Logo empecei co modelismo naval, con modelos moi
sinxelos. Algún foi parar a cociña de leña. Fun progresando lentamente ata chegar
a facer barcos de velas múltiples, de varios tamaños. Os barcos de hoxe non me
chaman atención. Abandonei este tipo de
distracción, porque son de difícil execución e conservación. É un traballo de
pinzas e boa vista, e requiren unha vitrina para preservalos do polvillo. Teño
metido algún dentro de unha botella. No caso de un barco de vela, o máis fácil
é o casco. O que é difícil é a jarcia, velas e aparellos. Como dixen antes,
require traballar con pinzas.
Nos barcos que máis me fixo son os tradicionais.
Non soio galegos, senón de todo o mundo, pois hainos moi curiosos e bonitos.
Para acceder a eles uso Internet. E ainda que emprego bastante ese recurso, de
vez en cando teño que pedir axuda. Nacín noutra época.
Outra cousa é facer esculturas sinxelas en
madeira ou en pedra. Resúltanme máis flexibles en canto a medidas e
proporcions. Vas desbastando o bloque, redibuxando o que queres, e lentamente
vai aparecendo a figura. Ainda que as hai moi complexas, eu faio cousas
sinxelas. O que máis traballo da físicamente, e o desbastado - pois non teño
serra de cinta -, e tamén conquerir un bloque de boa madeira.
En contra do que eu pensaba non toda madeira
sirve para facer detalles. A madeira branda é moi mala. A semidura é ideal:
fresno, nogueira, faia, etc..
Como son autodidacta, este tipo de traballo
lévame moito tempo, por medo a pasarme da raia.
Teño feito algo en pedra, pero non é o meu. Pola
súa dureza e polo polvillo. Ainda que a pedra ten algo de vantaxe sobre a
madeira, en canto a tamaño suxétase polo seu propio peso, e trabállase por
percusión, e a madeira, a ferramenta é por corte. As veces “ten que afeitar”,
como se dí coloquialmente.
Entre as tallas que teño está o escudo das
Bieitas, o mosteiro de Oia - que sempre me chamou á atención por estar tan á
beira do mar -, e varias figuras imaxinadas por mín, e outras copiadas que non
teñen tanto mérito.
Deixei de facer todo isto porque todo require espazo e todo está feito, nin tampouco é cousa de miña xubilación. Cando traballaba e tiña un oco libre viña a esta afección que me enganchaba. Hoxe adícome a axudar na casa o que faga falla, coidar dos meus netos e da miña nai, xunto cos meus irmáns, levando os pequenos achaques propios da edade. E tomar unha carola (cervexa) cando me apetece. E ata que nos chamen. Se estou cordo, canto máis tarde mellor”.
Deixei de facer todo isto porque todo require espazo e todo está feito, nin tampouco é cousa de miña xubilación. Cando traballaba e tiña un oco libre viña a esta afección que me enganchaba. Hoxe adícome a axudar na casa o que faga falla, coidar dos meus netos e da miña nai, xunto cos meus irmáns, levando os pequenos achaques propios da edade. E tomar unha carola (cervexa) cando me apetece. E ata que nos chamen. Se estou cordo, canto máis tarde mellor”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario