A GUARDA CELEBROU A FESTIVIDADE DO SANTÍSIMO SACRAMENTO COS SEUS AFAMADOS TAPICES DE FLORES
Vista parcial da alfombra da Praza do Reló
Fotos: Ricardo Rodríguez Vicente
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Pendentes da climatoloxía, con moitos ollos mirando ao ceo e outros moitos ás previsións metereolóxicas, o municipio da Guarda conmemorou a festividade do Santísimo Sacramento cos seus afamados tapices florais. Nesta ocasión, en base á información de que se dispoñía desde varios días antes da festividade, e tendo en conta que aínda na madrugada e na tarde do sábado día 28, a choiva fíxose notar coma se estivésemos en pleno inverno, mesmo con tormenta, as alfombristas optaron por poñer en práctica o que poderiamos chamar o seu Plan B. Iso significou que os traballos de marcado dos deseños, salvo nalgún tramo en concreto, se iniciaron máis tarde que en anos precedentes. "Nós comezamos ás 7 da mañá e logramos facer a nosa alfombra cuns resultados óptimos. Mesmo introduxemos un material natural que nos permitiu aforrar en flores", dixo a este cronista un alfombrista.
Vista parciais da alfombras da Praza de Ignacio Sobrino e un tramo da Rúa Hernán Cortés
A operativa seguida polas persoas que coordinaron cada tramo de tapices florais, deu lugar a que ao mediodía do domingo aínda tivesen que traballar na execución dos mesmos, o cal resarciu a moitas persoas de non poder apreciar ese labor na noite do sábado, como viña sendo tradicional. Pero este ano, a climatoloxía obrigou a agudizar o enxeño e mesmo a propoñer que a celebración eucarística comezase máis tarde que en edicións precedentes. Non houbo ningún problema porque a boa disposición do párroco de Santa María da Guarda, D. Jesús García Villadóniga, fíxoo posible. Se é que cando hai boa vontade, o máis natural é que se logre o consenso e así todos contentos. A verdade é que cremos que a experiencia resultou satisfactoria.
Vista parcial de outro tramo da Rúa Hernán Cortés
Desde Infogauda queremos destacar basicamente que o labor realizado por todas as persoas, maioritariamente mulleres, tanto nas semanas previas á celebración do Santísimo Sacramento como na execución dos tapices florais ten un mérito enorme. Non hai palabras para eloxiar como se merecen por toda a tarefa realizada. É un traballo ímprobo, que realizan día a día, dedicando o seu tempo de asueto e ás veces mesmo do necesario descanso, para facer posible unhas alfombras ou tapices florais que son unhas verdadeiras obras de arte efémera.
Panorámica parcial de dous tramos de tapices florais da Rúa Concepción Arenal
A todas as persoas que colaboraron nas tarefas de recolección de todos os elementos vexetais necesarios para a elaboración dos tapices florais, ás que nos baixos das vivendas fóronas cortando, debullando,..., a quen deseñou os motivos ornamentais, e os que desde o debuxo en papel pasárono ao pavimento, e as que pétalo á petalo, deron forma a esas fermosas alfombras, dicímoslles: Grazas! Moitas grazas! Porque grazas a todas elas, desde as persoas máis veteranas, tanto en idade, como en experiencia neste tipo de labores, como ás máis novas, A Guarda volveu ser, un ano máis, a Vila do Santísimo Sacramento. Unha poboación que sabe conxugar a devoción a Cristo Sacramentado co bo gusto por unha ofrenda de arte colectiva que ben merece o debido recoñecemento institucional.
Vista parcial de outro tramo alfombrado na rúa Concepción Arenal
Como en anos precedentes, o itinerario de tapices florais comezou na Praza do Reló, continuando pola Praza de Ignacio Sobrino, rúa Oliva, rúa Hernán Cortés, Praza de José María Lomba, Malteses, varadeiro da Ribeira, e varios tramos da rúa Concepción Arenal. En todas e cada unha das alfombras, a superficie tapizada estivo en consonancia coas características das rúas, pero en todo caso, todas elas cumpriron as expectativas de propios e visitantes. Por certo que cada ano son máis as persoas que acoden ata o municipio da Guarda para admirar as alfombras florais en honra do Santísimo Sacramento. E iso é un feito constatable que se nota tanto na véspera - aínda que este ano o sábado debido ao descenso das temperaturas e á choiva caída pola tarde, non houbo a mesma afluencia que en edicións precedentes - como no Día do Señor, que cumpriu en todos os sentidos, coas mellores expectativas. Mesmo se notou a presenza de persoas procedentes doutros países e tamén de peregrinos que están a facer o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal.
Vista parcial do último tramo alfombrado na rúa Concepción Arenal
Como é habitual, na procesión participaron moitas persoas tanto da Guarda, como de poboacións veciñas, e por suposto os nenos que fixeron a súa Primeira Comuñón en datas precedentes e tamén no Día do Santísimo. Participaron igualmente, representantes da Sección da Adoración Nocturna - que levaron o palio que precedía á custodia con Cristo Sacramentado, portada polo párroco da Guarda, acompañado polo P. Vidal -, membros das diferentes confrarías relixiosas existentes na parroquia guardesa, portando os seus estandartes, e como é costume, procesionaron tamén o alcalde e membros da Corporación Municipal da Guarda, así como a alcaldesa de Oia, e diferentes representantes cívicos e oficiais.
A Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda puxo o broche final a procesión do Santísimo
A Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, interpretou varios temas ao longo do percorrido procesional e o Himno de Galicia nos catro altares públicos situados na Praza do Reló, varadero da Ribeira, diante da igrexa de San Bieito e finalmente na intersección da rúa Concepción Arenal, con Brasilino Álvarez e Enrique María Sesto.
Momentos despois do paso da procesión, unha brigada de operarios ocupouse de retirar o material que cubría as rúas, deixando estas listas para a súa utilización.
Cabe sinalar que a climatoloxía non só permitiu a realización dos tapices florais, e o desenvolvemento da procesión, e unha vez recollida esta foi cando a choiva, momentaneamente, fixo acto de presenza. Co cal a pesar de que inicialmente as previsións non eran do todo halagüeñas, finalmente a celebración da festividade do Santísimo Sacramento tivo a merecida brillantez, con satisfacción para todos. Non se pode pedir máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario