Importante éxito de participación na segunda das charlas do ciclo “Manual de Instrucións para educar”
Neste novo encontro, o terapeuta familiar, Esteban Figueirido, falou da importancia de dicir non, da asertividade, das normas e dos límites na educación das/os fillas/os. Os participantes escoitaron e participaron activamente, transmitindo as súas experiencias e dúbidas.
O terapeuta familiar, Esteban Figueirido, foi o encargado de guiar esta charla e animar aos participantes a contar as súas experiencias ou preguntar as súas dúbidas
Infogauda / A Guarda
O martes día 29 de marzo, celebrouse a segunda das charlas enmarcadas dentro do ciclo “Manual de Instrucións para educar” organizadas polo Programa de Educación Familiar e a OMIX do Concello de A Guarda. Este segundo encontro, que levaba por título “Ensinando a dicir non”, foi un éxito total de participación, superando amplamente as expectativas da organización.
Case cen persoas (o dobre de participación ca anterior cita) acudiron a esta charla que celebrouse na Casa dos Alonso, dende ás 19:30 horas ata preto das 21:00 horas. O terapeuta familiar, Esteban Figueirido, foi o encargado de guiar esta charla e animar aos participantes a contar as súas experiencias ou preguntar as súas dúbidas.
A participación nesta charla pon en relevo que a educación e a forma de educar, é un tema que interesa aos veciños de A Guarda e o formato participativo e práctico deste tipo de actividades atrae ao público polo que se espera que nas próximas charlas continúe o mesmo interese.
Seguintes citas
Este ciclo está composto por catro charlas. Tras a do martes, o 26 de abril terá lugar a charla que levará por nome “Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas”. O ciclo de charlas se pechará o 24 de maio co tema “Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes”.
O Concello de A Guarda quere convidar a todos os pais e nais, avós e avoas, educadores/as e a todos aqueles veciños interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario