Alfonso Rueda proclamado presidente co 97,14% dos votos
• As súas primeiras palabras foron para recoñecer a labor dos afiliados anónimos. “Son os imprescindibles que non esperan nada”.
• O principal obxectivo, manter o PP como referente político en Pontevedra.
• Sobre Rafael Louzán: “soubo facer de Pontevedra un dos principais bastións do partido a nivel nacional”.
• “Benvido á túa casa, benvido a Pontevedra”, así recibiron a Mariano Rajoy á súa chegada ao Congreso.
• Ofreceu a Feijoo “convencemento, dedicación, lealdade e confianza no líder”.
Infogauda / Pontevedra
Alfonso Rueda proclamouse na mañá deste domingo día 13 de marzo, presidente provincial do PP de Pontevedra co apoio do 97,14% dos votantes. Tras coñecer o resultado, o novo líder popular amosouse abrumado pola confianza recibida e quixo destinar as súas primeiras palabras como presidente provincial para recoñecer a labor dos afiliados anónimos. “Son os imprescindibles que non esperan nada. Esa militancia silenciosa, miles e miles nesta provincia, que sempre estiveron aí e que aí seguiredes. Sin vós non somos nada, e esperemos estar á altura”.
Durante a súa intervención, o novo presidente provincial fixo un balance do que comprobou nas últimas semanas durante as reunións que organizou nas diferentes comarcas. Di que “hai gañas de falar e de preguntar; gañas de renovación, conservando todo o bo que se conseguiu ata o de agora; gañas de facer autocrítica; e xente nova que xa non cree nos contos de fadas e que ten gañas de incorporarse ao proxecto do PP, sempre que o partido e os seus dirixentes saibamos estar á altura que esperan de nós”.
OBXECTIVOS NOVOS
Como principais obxectivos para esta nova etapa que comeza, Rueda destacou que o primeiro é manter este partido como referente político en Pontevedra. “Require moral, forza, convencemento e unidade”, destacou. E a partir de aí, numerou outros obxectivos, como recuperar a Deputación de Pontevedra; “sacar a Vigo e Pontevedra do control daqueles que fan da crispación o seu xeito de supervivencia política”; converter en absolutas as maiorías simples e gobernar naqueles concellos onde agora son oposición; “e facer que os votos de Pontevedra sexan de novo decisivos para asegurar a terceira maioría absoluta consecutiva do PP en Galicia”.
HAI PARTIDO
Durante a súa intervención, recordou que hai dez anos, nun momento moi difícil para os populares, saíron á rúa cunha campaña que dicía “hai partido”, e poden volver á rúa presumindo do mesmo, “porque sigue habendo partido. E si o hai se debe, en gran medida, ao traballo de Rafael Louzán, que durante 16 anos se deixou a pel para elo. Non é sinxelo ser presidente nunha provincia na que tes como militante ao presidente do Goberno, ao presidente da Xunta, á ministra de Fomento…”.
“Ter éxito unha vez pode ser sorte. Ter éxito durante 16 anos é saber facer. E Rafael Louzán soubo facer de Pontevedra un dos principais bastións do partido a nivel nacional”, engadiu.
BENVIDO Á TÚA CASA
“Benvido á túa casa, benvido a Pontevedra”. Así lle deu a benvida o PP de Pontevedra a Mariano Rajoy á súa chegada ao Congreso. “Pontevedra é unha cidade amable, que acolle con simpatía a todo o mundo”, subliñou o novo presidente provincial, que criticou “o sectarismo propio da esquerda revanchista, que axusta as contas nos salóns de plenos porque non poden facelo nas urnas”.
Rueda entende que é o medo o que provoca estes feitos, “medo a que Rajoy siga gobernando porque só en catro anos pudo rescatar este país da quebra; e medo a que Feijoo sexa candidato porque seguen sen encontrar a maneira de gañarlle”.
Ao presidente do PP de Galicia, ofreceulle desde o partido provincial e o novo equipo “convencemento, dedicación, lealdade e confianza no líder”. Ademais, agradeceulle a confianza que demostrou nel, porque “non sería o que son como político sen Alberto Núñez Feijoo”.
“Empezamos nisto xuntos, e creo que debemos acabalo xuntos. Eu acabo de empezar en Pontevedra e creo que non sería plan deixalo de aquí a dous meses”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario