Aberto o prazo para que agrupacións e artistas soliciten a inclusión no Pontegal 2016
Entre o 5 de xaneiro e o 1 de febreiro poderán presentar as solicitudes segundo o modelo que se facilita nesta páxina web
Infogauda / Pontevedra
Ata o vindeiro 1 de febreiro permanecerá o prazo aberto para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2016. As bases deste programa saen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e inclúen o formulario de solicitude, que debe presentarse debidamente cumprimentado coa documentación anexa pertinente en cada caso.
Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos neste programa. Poderán solicitar a inclusión no Pontegal as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.
Os grupos e artistas deben realizar a solicitude no modelo normalizado que se facilitará no Rexistro xeral ou na páxina web da Deputación, que debe presentarse, xunto coa documentación complementaria requirida, nas sedes do organismo provincial en Pontevedra ou Vigo.
A selección e inclusión dos grupos solicitantes levaraas a cabo o Servizo de Cultura e Lingua, que poderá asesorarse a través dos informes tanto do persoal técnico coma de profesionais expertos en cada unha das materias que avalían os expedientes para os efectos de clasificación, propoñéndolle ao órgano competente a súa aprobación definitiva.
Clasificación e retribución
As bases do Pontegal inclúen un baremo de clasificación para as agrupacións e os artistas. No caso de bandas de música, masas corais e grupos folclóricos a clasificación faise en función do número de membros e de se teñen escola de música e/ou de baile. A clasificación dos grupos de teatro realízase en función da súa proposta de programación e dos datos relacionados co caché, a escenografía e o custo da montaxe. No apartado de música clásica inclúese un apartado para grupos de cámara, outro para solistas, dúos, tríos, cuartetos e quintetos, e un terceiro para orquestras. Por último, haberá un apartado para música tradicional e outras disciplinas artísticas nas que se inclúen poetas, humoristas e, por primeira vez, audiovisuais.
O Pontegal 2016, que estará dotado con 700.000 euros, establece unha táboa cos importes que, por parte da Deputación, se aboarán a cada actuación. Esta táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo, establecendo un total de 31 clasificacións. Así, para as bandas de música establécese un baremo máximo de 600 euros e mínimo de 450, segundo a clasificación de cada unha -número de membros e escola de música-. Para as masas corais contémplanse importes de 210 e 240 euros segundo a clasificación; para os grupos folclóricos o abano vai entre os 270 e os 200 euros; para os grupos de teatro, entre 500 e 375 euros; e para audiovisuais, poetas e humoristas establécese un importe de 201 euros.
Os importes recollidos nesta táboa corresponden á cantidade que aboará a Deputación por cada actuación, polo que o resto do importe do caché debe ser asumido pola entidade que contrata a actuación -concellos ou asociacións sen ánimo de lucro-.

Ningún comentario:
Publicar un comentario