A Deputación de Pontevedra intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
O concurso para a presentación de proxectos de musealización, convocado polo Ministerio de Fomento, está aberto ata o 11 de febreiro de 2016
Vista parcial do megapoboado galaico romano do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: Infogauda
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra intervirá durante este ano na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia en virtude do convenio que asinou co Ministerio de Fomento para poñer en valor o patrimonio galaico-romano. Como parte do proxecto o Ministerio acaba de convocar un concurso público con xurado para seleccionar as mellores propostas de restauración e musealización.
As bases da licitación están publicadas na web do Ministerio de Fomento, que estableceu de prazo ata o 11 de febreiro para a recepción de propostas. A intención do Ministerio é contratar a redacción de cada un dos 18 proxectos ao gañador do concurso, a medida que finalicen os traballos previos de arqueoloxía e escavación acometidos pola Deputación. Poden consultarse todos os detalles das bases na web contrataciondelestado.es
O convenio asinado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ten por obxectivo recuperar os xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística das comarcas. O programa integral inclúe desde labores de limpeza, mantemento e escavación ata actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.
Os xacementos obxecto de intervención son os seguintes: Santa Trega (A Guarda), Castro de Troña (Ponteareas), Monte do Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Adro Vello (O Grove), Monte do Castro (Ribadumia), Porta de Arcos (Rodeiro), Castrolandín (Cuntis), A Cabeciña (Oia), A Subidá (Marín), Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Alto dos Cubos (Tui), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Coto de Altamira (As Neves), Igrexa Vella (Valga), Castro de Penalba (Campo Lameiro), Castro de Pena Redonda (Ponte Caldelas) e Castro de Toiriz (Silleda).
Para executar o programa a Deputación de Pontevedra contratou 18 peóns de escavación arqueolóxica, 7 arqueólogos de campo e laboratorio e un coordinador, que xa están a traballar no castro de Santa Trega, baixo a supervisión do Servizo de Turismo Rías Baixas. Ademais, a partir do 1 de febreiro iniciaranse os labores de recuperación do castro Alobre, en Vilagarcía de Arousa.
Recortable infantil
Recortable infantil
Unha das liñas de actuación do programa é a divulgación do patrimonio histórico e cultural arqueolóxico. No marco deste obxectivo a Deputación de Pontevedra acaba de lanzar unha lámina recortable dirixida ao público infantil, baixo o título "En busca da pegada castrexa".
A lámina mostra un mapa coa localización dos 18 xacementos nos que se vai intervir, así como diferentes elementos representativos de cada un deles; os nenos e as nenas teñen que relacionalos entre si.
A lámina está dispoñible para descarga premendo eiquí.

Ningún comentario:
Publicar un comentario