18 de xan. de 2016

OIA

CORES TOURÍS ANUNCIA EN OIA QUE A XUNTA DESTINA 12 MILLÓNS DE EUROS PARA AXUDAR A LOITAR CONTRA O LUME E AO FOMENTO DA SILVICULTURA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA  

         O delegado territorial da Xunta visitou hoxe as comunidades de Burgueira, Loureza e Barrantes, as que calificou como un exemplo de traballo en pro da recuperación dos montes e a prevención dos incendios forestais  

         As 3 novas liñas ofrecerán subvencións para o fomento da silvicultura, a reforestación, os investimentos en tecnoloxías forestais e a prevención dos danos causados aos bosques por incendios  

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, as comunidades de Burgueira, Loureza e Barrantes, nos concellos de Oia e Tomiño


Infogauda / Oia 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, as comunidades de Burgueira, Loureza e Barrantes, nos concellos de Oia e Tomiño, co obxectivo de trasladarlles a publicación de 3 liñas de axudas para a loita contra os incendios, a reforestación e o fomento da silvicultura.  

 En total, segundo destacou Cores Tourís, a Xunta destinará 12 millóns de euros a estes fins, destacando a estas tres comunidades de montes do Baixo Miño como un exemplo de traballo para a recuperación dos montes e a prevención contra o lume.    

 Deste xeito, a Xunta de Galicia publicou o pasado 30 de decembro tres liñas de axudas relativas a loita contra os incendios forestais. A primeira delas, está destinada á produción forestal, neste caso, para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, cun orzamento de 6 millóns de euros, o dobre que no 2015. A esta liña poden acollerse os interesados na realización de prácticas preventivas que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, e tamén aqueles interesados na posta en marcha de tratamentos silvícolas. 

 Os beneficiarios desta nova liña serían tanto as Sofor como os propietarios particulares ou as cooperativas agrarias e comunidades de montes veciñais en man común.  

 Na mesma data, tamén se publicaron as axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, e cos mesmos beneficiarios. O obxectivo destas subvencións son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, así como as infraestruturas de acompañamento ou obras complementarias das novas forestacións.   

 E finalmente, tamén o 30 de decembro publicáronse as axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cun orzamento de 3,5 millóns de euros.   

 As tres comunidades de montes levaron a cabo diversas labores de roza mecanizada en camiños, cotalumes, construción de punto de auga e execución de faixas auxiliares, nas que a de Burgueira (que conta con 2.057 hectáreas) investiu nos últimos anos 35.208 euros; a de Loureza (con 1.809 hectáreas), 152.500; e a de Barrantes (con 1.161 hectáreas), 88.500.    

Cores Tourís cos representantes das comunidades de Burgueira, Loureza e Barrantes

 Cores Tourís destacou estas tres comunidades de montes como exemplo de traballo e xestión do monte, xa que, ademais das labores de prevención e mantemento do mesmo, con brigadas propias no monte, tamén apostan pola diversificación da produtividade do mesmo, destinando por exemplo Burgueira hectáreas para a plantación de kiwis, Loureza para oliveiras e Barrantes implantando rabaños de ovellas a través do asociacionismo veciñal.  

 A maiores, o responsable territorial da Xunta en Pontevedra tamén quixo destacar a consecución por parte das comunidades de Barrantes, Burgueira, Pinzás e Mañufe da certificación FSC, o que permitiu poñer en marcha un proxecto de trazabilidade da madeira e un plan de explotación conxunta do monte ao longo de 3.350 hectáreas que garante unha marca de calidade.  

 José Manuel Cores Tourís destacou que nesta provincia, a Consellería de Medio Rural, destinou en 2015 máis de 4,3 millóns de euros a investimentos contra incendios, actuándose sobre case 6.000 hectáreas.  “A Xunta investiu directamente 690.000 euros na apertura e mellora de cortalumes, na construción de 23 puntos de auga, na melora de pistas forestais, de postos de vixilancia e na execución de tratamentos silvícolas preventivos”, explicou Cores Tourís, engadindo que, ademais, destináronse 2,5 millóns de euros á comunidades de montes de cara a que executaran tarefas similares para recuperar o monte e previr lumes.  

 Finalmente, a Xunta tamén destinou case 2,9 millóns de euros en investimentos de silvicultura, forestación e execución de traballos en montes conveniados, de cara a manter o monte limpo e recuperar as zonas máis castigadas polos incendios.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario