20 de xan. de 2016

MADRID

A Deputación de Pontevedra subscribe a posición da FEMP sobre o acceso aos fondos FEDER 

A Comisión de Deputacións esixe que os municipios de menos de 20.000 habitantes poidan acceder aos fondos e solicita unha reunión urxente con Montoro



Infogauda / Pontevedra

 A Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP acordou solicitar unha reunión de carácter urxente co ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, para facilitar que as deputacións e os municipios medianos e pequenos poidan chegar a tempo ás convocatorias de subvencións dos fondos europeos FEDER. Este foi un dos acordos adoptados na primeira reunión desta Comisión en 2016, que tivo lugar onte na sede da FEMP. Contou coa participou da presidenta da Deputación de Pontevedra e nela estableceuse a folla de ruta deste grupo de traballo de aquí a 2019.  

 Carmela Silva lembrou que "na provincia de Pontevedra hai 53 municipios que, a día de hoxe, quedaron excluídos dos FEDER; é dicir, a maioría da provincia queda fóra deses fondos, que son meramente de investimento", subliñou a presidenta.  

 O presidente da Comisión e da Deputación de Xaén, Francisco Reyes, informou, ao termo da reunión, que os seus integrantes traballarán para facer cumprir as resolucións aprobadas no último pleno da FEMP, que, entre outros obxectivos, perseguen resolver os problemas históricos que arrastran estas entidades locais supramunicipais e facelas máis visibles á opinión pública. 

 Entre outras cuestións Reyes destacou o empeño da Comisión para que se definan claramente as competencias das deputacións e se aprobe un sistema de financiamento adecuado, co obxectivo de que poidan seguir cumprindo o traballo esencial de apoio aos pequenos municipios e se garantan uns servizos de calidade para todos os cidadáns, independentemente do tamaño do municipio onde viven.

Ningún comentario:

Publicar un comentario