O Concello fai o resumo do pasado Nadal 2015
Este ano foron moitas as iniciativas que fixeron destes días unhas datas moi especiais para compartir coa familia e amigos
Música e animación, na Recepción Real dos Reis Magos, na Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, xunto a todos os veciños do municipio, despiden o Nadal 2015 tras unhas semanas con moitas e moi diversas actividades. O executivo municipal relembra que "este ano foron moitas as iniciativas que fixeron destes días unhas datas moi especiais para compartir coa familia e amigos".
“Decora o teu Nadal”, foi unha das iniciativas máis exitosas
O Concello quixo que os veciños da localidade os que participasen de forma activa na celebración deste Nadal. Así, unha das iniciativas máis exitosas foi “Decora o teu Nadal” na que as diferentes asociacións locais adornaron as diferentes rúas e prazas guardesas. Estes adornos, nos que se diferenciaba a casa do Apalpador ou un coro de música, entre outros, xunto coas luces colocadas por toda a vila, fixeron que A Guarda lucise dunha maneira moi especial.
Ademais a música na rúa da man do Grupo Xamaraina ou da Charanga de Os Zanfonos, xunto co fío musical, ambientaron a localidade.
Os comerciantes tamén participaron deste Nadal a través dunha campaña comercial na que, Papá Noel, repartía entre os veciños e tamén visitantes, diferente sobres con publicidade ou descontos entre os diferentes comercios adheridos. Máis de corenta establecementos participaron nesta actividade.
Os máis novos tamén colabouraron no desenvolvemento de actividades
Os nenos foron, e son, unha parte primordial destas datas polo que, o Concello, programou diferentes actividades para que os máis pequenos da casa foran unha parte activa neste Nadal. Así rapaces e rapazas en diferentes obradoiros decoraron as árbores de Nadal da Casa Consistorial, fixeron diferentes adornos para a recepción dos Reis Magos e fabricaron unha zambomba artesanal. Ademais houbo cinema e diferentes obras teatrais no Centro Cultural especialmente para eles.
Unha monitora coordinando cos picariños, un obradoiro no pasado Nadal
O teatro tamén foi unha actividade para os adultos. Así, cunha media de 150 espectadores por función, A Guarda acolleu a novidosa e exitosa obra “Pan Pan” e a sorprendente “Noiteboa”.
Na programación tamén houbo sitio para o deporte. O día 27 de decembro celebrouse a IV Carreira Solidaria, na que máis de cen corredores percorreron a zona do porto da vila pasando pola Senda Litoral e a praia de A Lamiña.
Reis Magos
O mal tempo impediu que os Reis Magos de Oriente puideran percorrer A Guarda en cabalgata pero non que recibisen a todos os nenos da localidade. Así, o día 5 de xaneiro, na Casa dos Alonso, celebrouse a Gran Recepción Real.
A climatoloxía non impediu que a ilusión chegase a todos
Case 700 rapaces puideron saudar e falar con Melchor, Gaspar e Baltasar nunha moi eloxiada recepción.
Durante tres horas os Reis Magos estiveron escoitando os desexos dos nenos e nenas e facéndolles entrega de caramelos e un pequeno agasallo.
En total case trescentos quilogramos de caramelos acompañados de música da Charanga Os Zanfonos e do Grupo de Gaitas da Terceira Idade e os bailes de Xamaraina, repartíronse nesta data.
O Concello de A Guarda agradece a todos os veciños da localidade a súa participación neste Nadal e espera que o 2016 sexa un ano moi próspero para a vila e os seus habitantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario