A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL CONMEMORA Á FESTIVIDADE DE SANTA ICÍA CON UN CONCERTO
Tamén terá lugar á presentación do novo director, José Javier Bascoy, que dende setembro deste ano 2015 está traballando coa Agrupación
Iván Diego Martínez
Presidente da Agrupación Musical do Rosal
A Agrupación Musical do Rosal convida á cidadanía ao concerto que a Banda ofrecerá o vindeiro sábado 5 de decembro, ás 20:30 h. con motivo da festividade da patroa dos músicos, Santa Icía.
Aparte de ser unha data sinalada dentro da programación que cada ano ofrece a Agrupación, é un día especialmente emocionante, xa que será a presentación de sete novos integrantes, rapaces e rapazas formados na Escola de Música da Agrupación, que farán o seu primeiro concerto e pasarán a formar parte da nosa plantilla de agora en diante. Entre todos intentaremos que sexa un día inesquecible para eles. Tamén será a presentación do noso novo director, José Javier Bascoy, que dende setembro deste ano 2015 está traballando coa Agrupación.
Por outra banda, non hai que esquecer o interese musical e formativo que o concerto terá, como sempre, para os alumnos/as da Escola ou de fóra dela. Este ano, ofreceremos un repertorio baseado en sonoridades dos pobos celtas (Irlanda, Escocia, ...), que seguro será do gusto do noso apreciado público.
Estará composto das seguintes pezas:
Encuentros, pasodobre de J. R. Pascual-Vilaplana
Hymn of de Highlands, suite de Philip Sparke
Riverdance, de Bill Whelan
Celtic Child, de Bert Appermont
A CORAL DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL CANTARÁ NA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARIÑA
Antes do concerto, a Coral da Agrupación participará na misa cantada en honra a Santa Icía, que se celebrará ás 18,30 h. na Igrexa Parroquial de Santa Mariña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario