O Memorial Filgueira Valverde anticipa a celebración do centenario da chegada de Castelao a Pontevedra
O Museo acolle catro conferencias sobre a pegada de Castelao na cidade entre 1925 e 1930
Infogauda / Pontevedra
"Catro fitos na Pontevedra de Castelao" é o título da décimo cuarta edición do Memorial Filgueira Valverde que esta tarde deu comezo no Sexto Edificio do Museo provincial. A primeira das conferencias correu a cargo de Antonio Garrido Moreno, historiador da arte e profesor da Universidade de Santiago, que falou sobre a renovación das pensións para artistas da Deputación de Pontevedra. A charla tivo lugar ás 20:00 horas. Nesta sesión abordouse a influencia de Castelao na renovación das bolsas de formación de novos artistas a partires do ano 1925. Unha remodelación que foi clave na renovación das artes plásticas galegas, fomentando a formación nos seus inicios de persoeiros tan coñecidos coma Maside ou Colmeiro, e que é o precedente da actual convocatoria do certame "Novos Valores".
A segunda sesión do Memorial desenvolverase o mércores día 25 de novembro, tamén ás 20:00 horas, e versará sobre o propio Museo de Pontevedra e a pegada que deixou Castelao na súa fundación, nunha conferencia a cargo de Carlos Valle Pérez, actual director desta institución museística.
Os relatorios continuarán os días 2 e 3 de decembro, tamén ás 20:00 horas, e neles abordarase o papel de Castelao na Misión Biolóxica de Galicia, tema do que falará Antonio M. de Ron, e na fundación da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, do que falará o xornalista Rafael López Torre.
O Memorial Filgueira Valverde, que nacera inicialmente como Cátedra, realízase coa intención de promover actividades de difusión fóra do ámbito académico. Organizado pola Universidade de Vigo coa colaboración do Museo de Pontevedra, serve como anticipo de citas salientables do seguinte ano. Nesta ocasión fai referencia á chegada de Castelao a Pontevedra, da que se celebrará o seu centenario en 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario