O Concello convida ás asociacións guardesas a decorar as rúas da localidade polo Nadal
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda convida a todas as asociacións, culturais, musicais, deportivas, ambientais, xuvenís, sociais, empresariais,... a participar na decoración das rúas da localidade polo Nadal.
Este programa leva por nome “Decora o teu Nadal” e segundo informa o executivo municipal “ten coma obxectivo potenciar a participación das asociacións da nosa vila, dándolles visibilidade e protagonismo na organización e decoración urbana destas datas festivas”.
Todas aquelas asociacións que queiran participar nesta iniciativa aínda están a tempo de apuntarse xa que o prazo está aberto ata o próximo 27 de novembro no propio Concello. Cada asociación poderá participar cunha proposta e os materiais empregados deben ser principalmente de refugallo, non contaminantes e resistentes ao exterior. O prazo para a decoración é dende o día 9 ata o 18 de decembro.
Decoración infantil
Dentro desta mesma iniciativa o Concello ten programados diferentes obradoiros para os nenos e nenas da vila.
Así están organizados dous obradoiros de “Decora o teu Concello” e outros dous de “Anima o teu Nadal”.
Os nenos que queiran participar nalgunha destas iniciativas deberán anotarse dende o 1 ata o 10 de decembro no departamento de Cultura ou na OMIX do Concello da Guarda.
Aquela persoa que precise máis información pode dirixirse directamente ao Concello, a través do teléfono 986 61 00 00 ou no seguinte correo electrónico: cultura@aguarda.es.

Ningún comentario:
Publicar un comentario