A Xunta de Goberno da Deputación concede as subvencións para a contratación de 1.514 desempregados nos 62 concellos da provincia
Carmela Silva destacou as axudas para os concellos do Porriño, Catoira e Cambados
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, na Xunta de Goberno deste venres
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres día 9 de outubro, as axudas para contratar 1.514 persoas desempregadas dentro do Plan de Conservación e Funcionamento dos Servizos Municipais nos 62 concellos da provincia.
Así o manifestou a presidenta, Carmela Silva, que indicou que foron todos os concellos da provincia os que solicitaron as axudas para a contratación destes traballadores desempregados durante os próximos dous meses. O plan ten un montante de máis de 2,9 millóns de euros e contempla salarios de preto de 1.000 euros e xornadas de 35 horas semanais.
A Xunta de Goberno tamén aprobou unha serie de subvencións para varios concellos da provincia, entre os que destaca O Porriño, que vai recibir 446.192 euros dentro do Plan Provincial de Obras e Servizos 2015. Estas obras van ser a dotación de beirarrúas entre Maderas Iglesias e San Campio, a mellora do contorno do Polígono de Torneiros e a mellora da seguridade viaria na parte sur do Polígono das Gándaras.
Tamén se aprobou a adxudicación do cambio da cuberta da piscina do Pombal, en Cambados, por 389.500 euros máis IVE, á empresa OGMIOS Proyectos, cun prazo de execución de catro meses.
Outro dos puntos que recibiron o visto bo é un anticipo para operacións de investimentos, por valor de 155.663 euros, para o Concello de Catoira, cos cales se van facer varias obras coma a renovación da iluminación pública exterior, o acondicionamento dalgunhas dependencias municipais, melloras no auditorio municipal e no mercado tradicional, así como a posta en marcha do Programa Aurora, xunto co Ministerio de Sanidad, de loita contra a discriminación da muller.
Por último, a presidenta da Deputación informou da convocatoria de dez bolsas de práctica laboral de mestres composteiros, que van traballar nos centros de compostaxe comarcal que se van poñer en marcha. A bolsa é de seis meses e ten un importe de 1.400 euros que comprende os gastos de desprazamento. Tamén se aprobaron dúas bolsas de técnico superior en Saúde Ambiental e de Laboratorio Clínico, de un ano de duración, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario