9 de out. de 2015

FORMACIÓN

123 estudantes da provincia participan no programa Erasmus+ co apoio da Deputación 

Na primeira mobilidade, que terá lugar entre outubro de 2015 e maio de 2016, serán 41 as mozas e os mozos da provincia que se desprazarán a Reino Unido e Italia. A segunda mobilidade comezará en outubro de 2016


Infogauda / Pontevedra

 Na mañá deste venres día 9 de outubro, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou, xunto á deputada delegada de Emprego, Montserrat Magallanes, a Xornada de Preparación da Mobilidade Erasmus+ do Proxecto "Practicum Depo 2015", que tivo como obxectivo darlles a coñecer ós 41 participantes nesta primeira mobilidade en qué consiste o proxecto e como se teñen que preparar para ela.  

 A xornada iniciouse coa presentación do proxecto, a cargo do xefe do Servizo de Promoción de Emprego da Deputación de Pontevedra, Manuel Corujo, e da coordinadora do proxecto "Practicum Depo 2015", Ana María Casal Canabal. Ambos os dous deron a coñecer as condicións de aceptación da bolsa, os compromisos dos participantes, así como información práctica relativa a seguros, coberturas ou teléfonos de interese.  

 A continuación realizáronse dúas conexións por Skype con Reino Unido e Italia nas que se deu a coñecer información sobre a inmersión cultural, laboral e de riscos laborais en ambos os países. Posteriormente tiveron lugar as acreditacións europeas e a transmisión de experiencias persoais a cargo do coordinador de programas europeos do IES Ricardo Mella, Miguel Anxo F. Riveiro, e dunha alumna que realizou estancias formativas e laborais en Finlandia e Liverpool, Noemi Rodríguez.  

 Xa para rematar, e antes da clausura, a Directora de Comunicación da Deputación de Pontevedra, Ana Costas Fernández, impartiu unha conferencia sobre a participación en redes sociais (LinkedIn).  

 A presidenta da Deputación destacou a importancia deste programa de mobilidade "que posibilita que as mozas e os mozos da provincia de Pontevedra, neste mundo global que vivimos, teñan a oportunidade de aprender a adaptarse ó entorno e a incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral". Carmela Silva engadiu que "Practicum Depo 2015" forma mentes abertas, con criterios propios, e que prepara as mozas e mozos para ser cidadáns do mundo". 

 Ademais a presidenta da institución provincial sinalou que se trata dun programa de utilidade que a institución provincial impulsa porque "consideramos que todas as políticas que faciliten a mobilidade, sempre que sexa voluntaria, son positivas xa que permiten que os estudantes pontevedreses adquiran novas competencias lingüísticas, novos coñecementos e habilidades para adaptarse mellor ó mundo global. Hoxe, tristemente, moitas mozas e mozos da nosa provincia vense obrigados a abandonar o noso país na procura dun emprego digno. Este non é o modelo de mobilidade que queremos". Para rematar Carmela Silva agradeceu o compromiso das alumnas e alumnos, das súas familias, e das súas profesoras e profesores. Neste sentido, Silva manifestou que "hai servidores públicos, neste caso os docentes, que, sen estar obrigados, adquiren compromisos impagables que van máis alá da súa tarefa como mestras e mestres e que toda a cidadanía lles debe agradecer. Son consciente da dificultade de organizar este programa así que quero darlles un especial protagonismo ós docentes por facelo realidade".  

 "Practicum Depo 2015" enmárcase no programa europeo Erasmus+ para o período 2014-2020 que ten por obxectivo que os participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñezan a cultura do país de destino, melloren o dominio de linguas, detecten oportunidades de emprego e, en definitiva, complementen os seus coñecementos.  

 Os beneficiarios son estudantes, con residencia no noso país e maiores de 18 anos, de ciclos medios de formación profesional que deben iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación. En concreto, "Practicum Depo 2015" permitirá que 123 persoas realicen prácticas formativas en Finlandia (21 persoas), Francia (30 persoas), Italia (37 persoas) e Reino Unido (35) durante seis meses.  

 Os 123 alumnos que participarán neste proxecto proceden de 18 centros educativos de Vigo (IES A Guía, Ricardo Mella, Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico, Chapela, Politécnico e Centro de Formación Divino Maestro), Pontevedra (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, IES A Xunqueira I e IES Montecelo), Ponteareas (A Granxa), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Salvaterra de Miño (IES Salvaterra de Miño), Cambados (IES Francisco Asorey), Tomiño (IES Tomiño), Marín (IES Chan do Monte), Sanxenxo (IES de Vilalonga) e Moaña (IES A Paralaia) e distintas familias profesionais (aceites de oliva, xardinería, laboratorio, farmacia, telecomunicacións, preimpresión, automática, mecanizado ou electromecánica).  

 Os 41 mozos que participarán na primeira mobilidade do "Practicum Depo 2015" iniciarán as prácticas en empresas o 19 de outubro de 2015 e rematarán o 30 de abril de 2016. Deles, 26 desprazaranse ó Reino Unido (25 a Belfast e 1 a Edimburgo) e 15 a Italia (2 a Cori, 4 a Terranova da Sibari e 9 a Corigliano Calabro). Para poder afrontar a viaxe, a través do programa "Practicum Depo 2015" outórganse axudas económicas que se distribúen en contribucións para a viaxe (entre 275 € e 360 € dependendo do destino) e para o aloxamento, manutención e transportes locais (entre 7.934 € e 9.602 €).  

 A segunda mobilidade terá lugar en outubro de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario