2 de out. de 2015

PONTEVEDRA

CULTURA

O pioneiro da fusión da música tradicional galega co pop, Andrés do Barro, protagoniza o ciclo "En paralelo" 

Fernando Fernández Rego presentou a primeira biografía oficial do cantautor e fixo un repaso á súa traxectoria con proxeccións de actuacións musicais e cinematográficas 

Andrés do Barro
Foto: Arquivo familiar

Infogauda / Pontevedra

 O ciclo "En paralelo. Noites de literatura e cine", organizado pola Deputación de Pontevedra, deu comezo esta tarde a unha nova edición protagonizada pola figura do cantautor Andrés do Barro. O autor da súa primeira biografía oficial, Fernando Fernández Rego, presentou o libro sobre a súa vida ó tempo que fixo un repaso á súa traxectoria a través de diverso material orixinal, clips de audio e de vídeo.  

 No evento, que tivo lugar no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o autor estivo acompañado polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, quen salientou "a relevancia de Andrés do Barro para dignificar e normalizar o galego no ámbito musical máis aló das fronteiras de Galicia". Andrés do Barro foi pioneiro, a comezos da década dos 70, en fusionar a música tradicional co pop e conseguir colocar catro cancións en galego no "número un" do panorama musical do Estado español. Ó longo da súa carreira, durante as décadas dos 70 e 80, acadou tres discos de ouro, e entre as súas pezas máis coñecidas cóntanse cancións coma O tren e San Antón, á que corresponde a coñecida letra "iste é o camiño que me leva a San Antón, un camiño cheo de pedras e de amor". 


 O libro presentado esta tarde leva por título Andrés do Barro. Saudade e está prologado polo fillo do cantante, Andrés Lapique López. Abrangue desde os inicios de Andrés do Barro en Ferrol, o seu periplo por México e o seu regreso a España ata a súa morte en 1989. Tamén aborda a relación do músico coa censura da época ou o seu polémico paso polo Festival da Canción de Benidorm, e inclúe un caderno central con documentación gráfica cedida pola familia, debuxos, apuntamentos e fotografías de álbum familiar que amosan tanto a súa faceta pública coma os momentos íntimos da súa vida cotiá.  

 O autor da biografía, Fernando Fernández Rego, é colaborador de publicacións musicais especializadas, coma Mondosonoro, e publicou ensaios relacionados coa música, 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega e Galicia en clips, así como biografías, Cuando ríes. Los Contentos: unos malditos pioneros del garage.  

 O ciclo "En paralelo. Noites de literatura e cine" comezou a desenvolverse en abril de 2013 e, desde entón, cumpre unha cita mensual no salón de actos do Sexto Edificio do Museo provincial. Trata de achegarlle ó público a figura ou o xénero dun escritor ou personaxe destacado da cultura galega, que posteriormente se completa coa proxección dunha película ou documental. Na xornada desta tarde xa foron incluídas ambas as partes, fusionando a presentación do libro coa proxección de actuacións musicais e cinematográficas do músico homenaxeado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario