3 de out. de 2015

GALICIA

Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentan o preacordo político para construír un espazo de cambio e ruptura democrática

O texto servirá para iniciar en Galicia un proceso de confluencia para unha candidatura cara as próximas Eleccións Xerais, cun arco aberto, amplo, plural, de acumulación de forzas para devolver as institucións á cidadanía do montón. Toma como referencia crave os procesos de confluencia que o 24 de maio cambiaron o panorama municipal.

PREACORDO ANOVA, ESQUERDA UNIDA E PODEMOS
HaiAlternativa


Infogauda / Santiago de Compostela

Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentaron na tarde de onte, día 2 de outubro, na praza de Mazarelos de Santiago de Compostela, o documento de preacordo político para construír en Galicia un espazo de cambio e ruptura democrática, nun acto no que interviñeron Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova; Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida; e Breogán Riobóo, secretario xeral de Podemos Galicia.

 O acto, que contou coa presenza de representantes de Marea.gal, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica, constitúe un paso máis na unidade popular, política, social e cidadá na que profunda o texto, para iniciar un proceso en Galicia de confluencia para unha candidatura de face as próximas Eleccións Xerais.

 O preacordo encádrase no desenvolvemento dun espazo aberto, amplo, plural e de acumulación de forzas, para devolver as institucións á cidadanía do montón, tomando como un punto de referencia crave os procesos de confluencia que mudaron o panorama municipal o 24 de maio.

Encadre cidadán e participativo

 O documento ten unha vocación aberta e inclusiva aos actores políticos, sociais e cidadáns, para conformar un proxecto de unidade popular que transforme a maioría social de cambio nunha maioría política, para poñer as institucións ao servizo da cidadanía cun encadre participativo, onde a xustiza social e a igualdade sexan o obxectivo.

 No texto sinálanse puntos de acordo referentes aos dereitos sociais e políticos, para responder a unha situación de emerxencia social e desigualdade, cunha maioría social golpeada polas políticas de austeridade neoliberal. Sublíñase a defensa dos bens comúns e o rescate da democracia, impulsando unha participación aberta a todos os niveis, para un novo modelo de relación entre as institucións e a cidadanía.

 Os procesos constituíntes, a soberanía e o dereito para decidir constitúen outro dos aspectos do documento, desde a consciencia colectiva de Galicia como nación e da cidadanía galega como suxeito político. Recóllese tamén a articulación dun proceso participativo que constitúa unha ferramenta en mans da cidadanía.

 No encaixe xurídico e político, o espazo social e político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia co principio do pobo galego como suxeito político soberano para todos os efectos e en todos os planos.

 O fundamento da igualdade desde a perspectiva de xénero e o establecemento de mecanismos de rendición de contas, concretan outros trazos.

PREACORDO POLÍTICO PARA A CONSTRUCCIÓN DUN ESPAZO DE CAMBIO POLÍTICO E RUPTURA DEMOCRÁTICA E DUNHA CANDIDATURA GALEGA DE CONFLUENCIA CARA AS ELECCIÓNS XERAIS  

 Ante un momento político histórico, e como un paso máis no proceso de Unidade popular e cidadá que se ven dando, Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza decidimos facer público un pre-acordo político no camiño cara ás próximas eleccións xerais.  Do proceso político e social que iniciamos  
- ANOVA, ESQUERDA UNIDA e PODEMOS-GALIZA acordan afondar nun proceso de confluencia política e social que impulse en Galicia unha candidatura para as próximas Eleccións Xerais, un proceso aberto a todos aqueles espazos cos que se compartan procesos, metodoloxías e obxectivos políticos.  

- Este pre-acordo enmárcase como un novo chanzo na conformación dun amplo e plural espazo de cambio político e ruptura democrática que ten un punto clave de referencia nos espazos de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M, e que entendemos forma parte dun proceso de acumulación de forzas que busca devolver as institucións municipais, estatais e galegas á cidadanía do común.  

- Sabemos que, para gañar, é preciso sumar vontades, persoas e espazos políticos e sociais. Con todo, para Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza o obxectivo é construír unha candidatura galega de cara ás Xerais que permita que estean presentes os actores que levan tempo traballando pola Unidade Popular. Desde a cidadanía a través dos diferentes artellamentos da sociedade civil ate os actores que conformaron espazos de confluencia e ruptura democrática como a Marea Atlántica, Compostela Aberta e outros procesos municipalistas do país, que son para nós unha auténtica referencia. Este acordo ten, en definitiva, unha vocación necesariamente aberta e inclusiva para todos os actores políticos e sociais que teñan a vontade de sumarse ao proceso de unidade popular que, a diferentes niveis, está en marcha.  

Dos puntos de acordo e coincidencia política  
Dereitos sociais e políticos  O proceso de erosión das condicións materiais de vida da poboación en Galicia non é produto dunha circunstancia casual: é o resultado dun sistema de produción e de goberno onde unha minoría privilexiada goberna sobre o 99%, contra a maioría social golpeada polas políticas da austeridade neoliberal. Neste momento, un espazo político de cambio e ruptura democrática que busque responder á situación de emerxencia social e de desigualdade ten que avogar de forma contundente pola democracia nas relacións económicas, por acabar coa corrupción, por deter a privatización do publico, potenciar os sistemas educativos e de saúde, reverter as estruturas patriarcais; e, en definitiva, construír, co tecido cidadá, un novo modelo económico e social. De igual forma, debe responder con garantías democráticas a toda tentativa de regresión autoritaria como forma de protexer e afondar nos dereitos e liberdades cidadás.  

Defensa dos recursos e bens comúns  
É imprescindible o compromiso colectivo con desenvolver políticas que establezan un novo marco de relación co ecosistema que nos rodea. Así mesmo, o novo paso que aquí comezamos ten que ter como obxectivo desenvolver unha proposta baseada na capacidade de xestionar os recursos propios en prol do ben común. Fronte aos que utilizan o de todxs para o seu beneficio particular, artellar formas de ocio, uso e xestión harmónicas dos bens comúns ao servizo das maiorías sociais e pensando no presente e no futuro do país e do planeta.  

Rescate da democracia  
A demanda da sociedade é clara: queremos recuperar a democracia. A responsabilidade común de aqueles e aquelas que camiñamos no proceso de Unidade Popular e cidadá pasa por artellar unha democracia que vaia máis alá do esqueleto institucional que coñecemos, e que pasa por ser, no mellor dos casos, un mero formalismo procedimental. Precisamos canles de participación que fagan da democracia un proceso constante e non só un modelo estático; é tempo de impulsar unha participación aberta a todos os niveis como obxectivo para construír un espazo de confluencia e un novo modelo de relación entre institucións e a cidadanía  

Procesos constituíntes. Soberanía. Dereito a decidir  
Desde a consciencia colectiva de Galicia como nación e da cidadanía galega como suxeito político, comprometémonos a afondar en todos aqueles mecanismos democráticos para a posta en marcha de procesos constituíntes desde os diferentes niveis institucionais e políticos do Estado. A cidadanía, o pobo galego, debe poder decidir libre e soberanamente que políticas lle conveñen para así poder institucionalizar por un lado, a soberanía popular, isto é marcos lexislativos, xurídicos, e políticos que defendan os dereitos sociais e fundamentais das persoas como conquistas colectivas da cidadanía, asegurando así a súa protección contra os ataques de superestruturas de escala continental non suxeitas a control democrático; e por outro o dereito a decidir como un elemento constituínte, signo inequívoco de cambio e garantía da libre, harmónica e democrática relación das nacións que conforman o actual Estado Español.  

De como o faremos:  

Proceso participativo  
Entendemos que a clave do éxito deste proceso é facer do mesmo un instrumento en mans da cidadanía. A este respecto, temos o compromiso de abrir un proceso de confluencia onde a cidadanía sexa a protagonista, tomando como propio o proceso e modelando, en primeira persoa do plural, todos os seus elementos cardinais: a elaboración programática, a materialización política do espazo, o código ético, control democrático e os elementos que conforman un suxeito político que aborda, dende unha perspectiva de cambio político e ruptura democrática, o proceso electoral para restituír a soberanía cidadá.  

Encaixe xurídico e político  
Co 24M vivimos un momento no que, non por vez primeira, fomos conscientes de que os procesos políticos superan aos propios encaixes xurídicos que as leis definen. Isto pon en valor a necesidade de que cando falamos dun proceso de cambio e ruptura democrática, as vontades políticas vaian ligadas á creatividade e ao desborde dos marcos xurídico-políticos preexistentes. Ao concibirmos o pobo galego como suxeito político soberano, entendemos que este espazo social e político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia con este principio para todos os efectos e en todos os planos: político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo, tanto na súa conformación como canle de participación cidadá como na súa actividade nas institucións.  

Igualdade  
Consideramos que a perspectiva de xénero e a consecución dunha conformación paritaria son aspectos fundamentais do espazo político e de participación que desexamos construír. Entendemos que só se pode falar de igualdade real e efectiva ao longo de todo este proceso de construción dun bloque social e político, poderemos falar dun espazo democrático. Sabemos pola acumulación de experiencias noutros procesos anteriores que deberemos establecer diferentes baremos para garantir que o cómputo de homes e mulleres sexa paritario. Traballaremos para que neste proceso a paridade no reparto de roles, nos postos e presenzas en espazos de decisión e de participación sexan unha realidade de cambio e non un mero compromiso declarativo.  

Rendición de contas  
Este proceso de acumulación de forzas democratizadoras debe ter a súa correlación final no establecemento de mecanismos que permitan a rendición de contas que desborden os habituais mecanismos de representación nas institucións. O bloque final que resulte deste proceso de confluencia social e política debe ser quen de artellar as canles de iniciativa e decisión para que a cidadanía á que se debe, a galega, poida participar activamente e outorgar lexitimidade a todo o proceso dunha forma viva e continuada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario