Este sábado 17 comezan os traballos de limpeza no castro oiense
Inaugúrase a campaña arqueolóxica no castro de Chavella cunha Xornada de Portas Abertas
O obxectivo da xornada é limpar a vexetación da terraza sur do castro. Despois haberá unha visita guiada, música, postos de comida e cervexa artesá.
Coa xornada inaugúranse os traballos arqueolóxicos que se realizarán ao longo do mes dentro do proxecto Costa dos Castros e promovidos pola Comunidade de Montes de Santa María de Oia.
Na imaxe, grupos de persoas que participaron nunha xornada anterior no castro de Chavella (Oia)
Foto: Costa dos Castros
Úrsula Neilson / Oia
Este sábado 17 de outubro terá lugar unha Xornada de Portas Abertas no castro de Chavella, en Oia. O evento comezará ás 9:00 horas cos traballos de limpexa vexetal. Ás 12:00 haberá unha visita guiada ao castro e a partir da 13:00, sesión vermú con música a cargo da agrupación folclórica Tralo Mosteiro, postos de comida e a cervexa artesá A Cabeciña.
A xornada inaugura a terceira e última gran campaña arqueolóxica de Costa dos Castros para este ano 2015, tras o éxito das escavacións no castro da Cabeciña en agosto e os traballos de limpeza no castro de Cano dos Mouros en setembro.
Costa dos Castros é unha iniciativa de catro Comunidades de Montes do concello de Oia -Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia- e conta co apoio do Concello de Oia.
Desta volta os traballos vólcanse na Comunidade de Oia, co inicio da campaña arqueolóxica no castro de Chavella, que se desenvolverán ao longo do mes de outubro.
Trátase do castro con maior altitude da zona e por tanto conta cunhas vistas espectaculares sobre o mar. Quen queira desfrutar delas e coñecer máis sobre este sitio arqueolóxico pode facelo achegándose este sábado á Xornada de Portas Abertas. Só fai falta inscribirse para participar nos traballos de limpeza (escribindo a costadoscastros@gmail.com, na páxina de Facebook de Costa dos Castros ou ao teléfono 666435832). Para vir á visita guiada ou sesión vermú non fai falta insrición.
A Xornada de Portas Abertas é unha das iniciativas de Costa dos Castros para promover o patrimonio da zona, pero non é a única. A campaña de micromecenado de Costa dos Castros segue aberta e ademais como xa informamos, este venres 16 preséntase en Baiona o “Pack Gourmet A Cabeciña”, un paquete de produtos gastronómicos locais cos que se quere xerar fondos para seguir poñendo en valor a arqueoloxía da costa sur galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario