7 de out. de 2015

GALICIA

PESCA

O BNG ACADA UN ACORDO UNÁNIME PARA IMPULSAR ACCIÓNS POLÍTICAS QUE PRESERVEN A ZONA DE PESCA DO FLETAN

Daniel Rodas  defendeu unha Proposición non de lei na que reclamaba impedir as prospeccións petrolíferas nos fondos nos que habitualmente a flota galega pesca fletán en augas NAFO  


Daniel Rodas na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia


Infogauda / Santiago de Compostela

 O Parlamento galego insta á Xunta a impulsar accións políticas para reclamar que se preserve a zona na que se pesca fletán na NAFO baixo a figura de protección que se estime acaída impedindo outras actividades que ameacen os recursos pesqueiros”. Ese é o texto definitivo aprobado por unanimidade na Comisión de Pesca, do Parlamento de Galicia, tras defender o deputado do BNG, Daniel Rodas unha Proposición non de lei destinada a protexer  a zona na que flota galega pesca habitualmente fletán e na que se están a levar a cabo prospeccións petrolíferas. 

 Na súa intervención, o parlamentario nacionalista criticou a “hipocrisía de Canadá que ata agora reclamaba a “eliminación da actividade pesqueira” argumentando a abundancia de gorgonias e plumas de mar e sen embargo considera que non é prexudicial autorizar as prospeccións petrolíferas. 

 Por outro lado, Rodas denunciou “o dobre raseiro do Partido Popular” que no ano 2013 aprobou un protocolo de inspeccións que permite que  a Garda Civil e  os inspectores do Ministerio de Agricultura, pesca e alimentación (MAPA) obriguen ás tripulacións a permanecer nas embarcación ata o control das capturas. O despropósito é tal, dixo o deputado que ata lle controlan os “quiñóns”, cantidade de peixe que o mariñeiro leva para autoconsumo. 

 O deputado congratulouse do apoio unánime acadado na comisión de pesca e lembrou que mañá, día 8 comeza en Vigo o Forum da FAO que abordará a xestión dos océanos. Para o deputado, neste Forum deben quedar claroa os dereitos das comunidades de pescadores sobre os recursos e contra  “os intereses dos oligopolios”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario