26 de out. de 2015

BAIXO MIÑO

INICIATIVA POLA UNIÓN ANIMA Á CIDADANÍA QUE APOSTA OR UNHA CANDIDATURA GALEGA DE UNIDADE A PARTICIPAR NA ASEMBLEA ABERTA DO BAIXO MIÑO  



Iniciativa pola Unión / Baixo Miño

Iniciativa pola Unión nace coa necesidade de crear un movemento cívico que erga unha alternativa política e electoral á sen razón que nos goberna e ao monstro que devora o noso futuro.  

Ten como fin inmediato elaborar unha candidatura galega que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado. 

Unha candidatura que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega e que mesmo sirva para alentar a construción dun suxeito político que constitúa unha alternativa á inanidade e a desafección que desgoberna Galicia.  Un movemento que non se deteña no aspecto electoral, senón que paralela e posteriormente posibilite unha correntada de conciencia colectiva que o acompañe e o sustente, que poida abrir a porta a novas solucións para a xestión soberana do noso futuro colectivo.
E cun compromiso: o de promover e organizar reunións e asembleas nos distintos puntos e ámbitos do país.  

A Iniciativa pola Unión continúa co seu proceso para conseguir que Galiza conte cunha candidatura galega de unidade popular que garanta unha representación parlamentar plenamente soberana e ao servizo do noso pobo, coa aspiración de ter grupo parlamentario propio tras o 20D.  

Dentro da folla de ruta de traballo definida na asemblea do pasado 27 de setembro, na que participaron diferentes forzas políticas, colectivos sociais e centos de persoas sen adscrición partidaria, IpU abriu o proceso para a elaboración do censo electoral sen exclusión algunha, como paso previo para participar no proceso de elección directa de candidatos e candidatas polo sistema de primarias.
  
Nas 72 primeiras horas de apertura do censo da Iniciativa pola Unión anotáronse 1.518 para participar nas primarias. A data límite para que calquera persoa interesada se poida censar remata o 3 de novembro. As persoas interesadas poden facelo vía web,  ou presencialmente na asemblea comarcal do Baixo Miño que terá lugar o vindeiro mércores 28, ás 20:30 no Hotel Nova Colina de Tomiño.  

A IpU defende que todas e todos debemos participar da construción dunha candidatura galega de unidade. 

Entendemos que a unidade non ten donos nin admite que haxa actores que se atribúan dereito de admisión. A unidade constrúese entre todos e toas as que queiran facer parte dela, co obxectivo de dar a Galiza unha voz forte no Congreso a través dun grupo parlamentar propio que teña a defensa dos intereses dos galegos e galegas como único fin. Por iso facemos un chamamento á sociedade a que participe na asemblea aberta que terá lugar este mércores 28, ás 20:30 no Hotel Nova Colina de Tomiño.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario