O concello demanda de Portos de Galicia actuacións no porto e na Pasaxe
Vista parcial da Rúa do Porto desde o Paseo de Mazaracos
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e a segunda tenente de alcalde Montserrat Magallanes Álvarez, tiveron a semana pasada unha reunión en Santiago co presidente de portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, "para trasladarlle unha serie de demandas e facelo partícipe de varios proxectos que o concello de A Guarda ten a intención de promover na zona portuaria", segundo ven de facer público o executivo municipal mediante unha nota de prensa remesada a redacción deste xornal dixital.
As mesmas fontes informan do desenvolvemento desa reunión non seguintes termos: "En primeiro lugar, o alcalde reclamou unha solución para evitar a libre circulación de vehículos e aparcamento na rúa peonil do porto. Neste punto entregoulle ao presidente un proxecto valorado da instalación dun bolardo retráctil como posible solución. José Durán pospuxo a decisión á valoración por parte dos técnicos comentando que este tema se volvería a tratar, xunto con outros, nunha reunión co xefe da zona sur.
A continuación o alcalde expúxolle o problema da regulación de aparcamentos na rúa do porto no nivel inferior indicando, que en fins de semana e períodos de vacacións, moitos coches aparcan en zonas prohibidas e impiden a fluidez do tráfico. Neste punto non chegaron a unha solución. Diante da suxestión do concello de reforzar a vixilancia José Durán indicou que era imposible dispoñer de máis persoal para o porto da Guarda.
Vista parcial da Rúa do Porto
Foto: C.A.G.
Despois de tratar os problemas de tráfico e aparcamento o alcalde achegoulle o plano de reforma dos contedores soterrados do inicio da rúa do porto que contemplan o xiro das bocas, a recollida do lixo dende a zona rodada, e un muro de illamento coa zona peonil. O alcalde pediulle autorización e colaboración para a mencionada actuación sen conseguir ningún compromiso.
Acto seguido os responsables municipais demandaron a reparación da instalación de alumeado público do paseo marítimo que leva ata o Museo do Mar. Indicando que este alumeado está fallando continuamente".
A DELEGACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE A GUARDA, TAMÉN DEMANDOU ACTUACIONS NA PASAXE
Vista parcial do peirao de A Pasaxe (Camposancos)
Foto: Infogauda
De acordo coa nota de prensa do Concello de A Guarda, a que vimos de ter acceso, "o segundo bloque de demandas foron sobre A Pasaxe. Solicitaron a revisión e reparación do peirao e da rampla de acceso ao ferry. E tamén a autorización para volver a utilizar os tiraviras para as embarcacións que o ente portuario mandara retirar. Unha demanda que lle trasladaron os mariñeiros do río que pronto empezarán coa campaña da lamprea.
Por último, o alcalde trasladoulle a intención do concello de redactar un proxecto para ordenar o entorno da Atalaia e de acometer o pintado do espigón. Para ambas actuacións pediulle autorización e colaboración. De momento non se comprometeu coa colaboración e respecto as autorizacións, pediulles aos responsables municipais que achegaran un anteproxecto da actuación no entorno da atalaia, antes de tomar unha decisión.
Ao remate da reunión quedaron en que Portos organizaría unha xuntanza co xefe da zona sur, Mateo Ruibal, para concretar as actuacións e compromisos do ente público co porto e o concello de A Guarda".
Ningún comentario:
Publicar un comentario