9 de out. de 2015

A GUARDA

Continuísmo e soberbia nos 100 días de goberno do PSOE da Guarda  

Así valora o Grupo Municipal do BNG o executivo municipal presidido por Antonio Lomba Baz

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Guarda 

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego fai unha valoración sobre os 100 primeiros días de goberno do PSOE na Guarda, dun goberno presidido por Antonio Lomba Baz "que - segundo afirma Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda - ten no continuísmo e na soberbia como características fundamentais".  

 "Para o BNG - sinala Baz Vicente - a falta de diálogo co pobo está sendo unha das características do goberno guardés do PSOE. A limpeza e xestión do lixo na zona do porto da Guarda e as obras que se están a realizar na praza de abastos son dous exemplos de como o goberno liderado por Antonio Lomba Baz non é capaz de dialogar coas persoas afectadas para buscar unha solución ao mesmo".  

 Como mostra desas afirmacións, Ángel Luis Baz non dubida en lembrar: “Na xestión do lixo do Porto, non escoitaron a ninguén e remataron por botar a culpa aos restaurantes. En canto a praza de abastos, é impresentábel que se iniciasen as obras sen ter informado aos praceiros de que se ía facer e como se ía executar”.  

 Segundo o portavoz nacionalista "outra das características deste goberno é o continuísmo cunha falta de proxecto político que ten a súa base en pequenas obras sen afrontar proxectos ambiciosos que demandan dun traballo intenso e continuo. Como exemplo temos a Praza de Abastos, que o BNG leva reclamando dende hai moitos anos como un proxecto integral e non como pequenas obras de mantemento tal e como o está a entender o goberno do PSOE".  

 Ángel Luis Baz conclúe súa valoración coas seguintes verbas: "Dende o BNG estamos responsabilizados co pobo da Guarda que cada vez máis ve nesta formación política a alternativa ás solucións que alguén que lles escoita, poñendo todo o seu empeño para que a lexislatura que comeza non sexan outros 4 anos máis perdidos para unha Guarda que necesita de ilusión, iniciativas que a recuperen da situación na que os diferentes gobernos do PP e do PSOE a foron sumindo nos últimos anos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario