5 de out. de 2015

A GUARDA

PRIMEIRA, E MOI ESPERANZADORA, SESIÓN DE “CONVERSAS COA XUVENTUDE” 

Nesta ocasión participaron o ex alcalde guardés, José Manuel Domínguez Freitas e o actual alcalde Antonio Lomba Baz

De esquerda a dereita: José Manuel Domínguez Freitas, Elena Baz Rodríguez e Antonio Lomba Baz


Infogauda / A Guarda

 A pasada fin de semana celebrouse a primeira das sesións do ciclo “Conversas coa Xuventude”, que segundo os seus promotores "nace no Concello de A Guarda coa intención de crear un espazo de encontro entre a administración local e a mocidade do municipio".   

 Este primeiro encontro contou coa presenza do ex alcalde guardés José Manuel Domínguez Freitas e coa do actual alcalde, Antonio Lomba Baz. O acto foi presentado pola Concelleira de Xuventude Elena Baz Rodríguez.  

 O primeiro en tomar a palabra foi Domínguez Freitas quen fixo un percorrido entre as diferentes accións que se levaron a cabo en temas de Xuventude durante os oito anos que el foi alcalde. Así, o ex alcalde guardés falou e explicou que, aínda que algunhas actividades ou accións non fosen programadas directamente para a mocidade, sempre, “de forma transversal” aparecía a xuventude. Desta maneira afirmou que durante o seu mandato, e tamén nesta lexislatura, os mozos e as mozas de A Guarda son unha peza fundamental.  


 Pola súa banda, Antonio Lomba, afirmou que, aínda que é complicado que as políticas de xuventude cheguen a conectar cos mozos e mozas, este tipo de actos son “moi esperanzadores” xa que é “moi positivo e importante” que a mocidade participe na política municipal.  

 O alcalde de A Guarda aproveitou este encontro para presentar os alí presentes un novo programa dirixido a eles. Así, Lomba, explicou que quere implicar a xuventude da Guarda cunha nova iniciativa na que se busca ofrecer o municipio coma un espazo de expresión artística. “Queremos que a xente poida entender os espazos e o mobiliario público coma propios. Ofrecer a xente a posibilidade de actuar sobre eles para embelecelos e convertelos así en algo propio”, dixo Lomba. E continuou: “facendo que verdadeiramente A Guarda sexa cousa de todos”.

  Esta foi a primeira das xornadas abertas que o Concello ten programadas coa xuventude. "Nestes encontros - afirmaron portavoces do grupo de goberno do Concello de A Guarda -, o que se busca é facilitar ferramentas de participación directa entre a mocidade e o goberno local.  Espérase que nos seguintes encontros sexa un maior número de mozos e mozas os que acudan e expoñan as súas propostas, necesidades e demandas ó goberno local.  O obxectivo final é tecer redes de colaboración para conseguir melloras para toda a poboación da vila, especialmente para a máis nova".

Ningún comentario:

Publicar un comentario