A Deputación de Pontevedra abre un prazo de cinco días para a presentación de propostas para vendimar a uva do Castelo de Soutomaior
Por vez primeira, no marco da nova forma de xestión do goberno provincial, a Deputación de Pontevedra permite que as empresas teñan a posibilidade de presentar propostas, partindo dun prezo mínimo de 0,90 €/kg, para a vendima da uva do Castelo de Soutomaior
Infogauda / Pontevedra
No ano 1982 a Deputación de Pontevedra adquiriu o Castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe é patrimonio público. O terreo, de 25 hectáreas, foi rehabilitado para se converter nun xardín aberto ó público que, ademais, foi recoñecido, desde abril de 2012, como o primeiro xardín de España e sétimo de Europa de Excelencia Internacional.
A maiores, nos terreos do Castelo de Soutomaior sitúase unha explotación vitivinícola de albariño cunha extensión de catro hectáreas. A explotación, do ano 1984, está distribuída a modo de terrazas e tamén sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente.
Este ano, debido ás condicións climatolóxicas, tanto no relativo á temperatura como á pluviometría, a colleita da uva do Castelo de Soutomaior debe adiantarse para evitar efectos nefastos no produto final. Por este motivo e por vez primeira, a Deputación de Pontevedra saca un concurso público para que as empresas interesadas en vendimar a uva do Castelo de Soutomaior poidan presentar a súas propostas. O procedemento do contrato será o de poxa pública para o alleamento do ben, partindo dun prezo mínimo de 0,90 €/kg (IVE incluído) que inclúe a vendima e a súa recollida na leira do Castelo e o posterior traslado á adega por parte do adxudicatario.
As empresas interesadas en participar teñen un prazo de 5 días naturais, contados a partir de hoxe sábado unha vez publicado onte o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, para a presentación das propostas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario