Alcaldes e concelleiros de Navarra e o País Vasco recibirán á expedición pontevedresa das xornadas sobre resíduos
Membros do consorcio de residuos de Guipuzcoa acompañarán aos políticos e técnicos pontevedreses nas visitas ás diferentes plantas de tratamento de lixo
Asistirán, entre outras persoas, os concelleiros de Medio Ambiente e Servizos de A Guarda, Oia e O Rosal
Infogauda / Pontevedra
A expedición pontevedresa que partirá este luns para acudir ás xornadas 'Economía circular e xestión de residuos' será recibida por diferentes cargos políticos en Navarra e o País Vasco. Concretamente, responsables do consorcio de residuos de Guipuzcoa -Guipuzcoako Hondkinen Kudeaketa (GHK)- estarán presentes nas visitas que o grupo convidado pola Deputación de Pontevedra fará a diferentes plantas de tratamento de lixo na contorna. Ademáis, tamén haberá encontros con autoridades municipais en Vergara, Azpeitia, Usurbil, así como noutras localidades de menor tamaño.
A viaxe do grupo pontevedrés, motivada polo interese no traballo desenvolvido tanto en Navarra coma no País Vasco en materia de residuos e organizada a iniciativa do vicepresidente provincial, César Mosquera, foi recibida con satisfacción polos representantes dos gobernos locais da zona. Como deferencia, de feito, comunicaron a súa intención de realizar pequenas recepcións para os políticos pontevedreses nas casas dos concellos.
Serán 45 persoas -catro alcaldes, dous tenentes de alcalde, 17 concelleiros e demais técnicos- as que encherán o autobús que partirá ás 7.00 horas de este luns de diante do Pazo Provincial en Pontevedra.
O tratamento de residuos, tal e como xa explicou en varios encontros con alcaldes César Mosquera, será un dos eixos da actividade da institución provincial neste mandato. De feito, unha das primeiras decisións do novo goberno foi a contratación dun experto na materia, Carlos Pérez, que está a disposición dos gobernos locais para guialos cara a un sistema de tratamento de lixo que lles beneficie tanto económica como ecoloxicamente.
Ademais da posta a disposición do asesor, a Deputación convidou aos concellos ao curso que se celebrará en Alsasua (os días 8 e 9 ) sobre economía circular e xestión de residuos -organizado pola Universidade Pública de Navarra e a Mancomunidade de Sakana-. Nese encontro falarase sobre as oportunidades e beneficios que unha axeitada xestión do lixo provoca nos ámbitos sociais, económicos e ambientais. O curso contará coa presenza de relatores de recoñecido prestixio como Francesc Giró, da Axencia Catalana de Residuos; Michele Giavini, de Composting Association; ou Alfonso del Val, consultor ambiental.
Consciente da importancia do evento, o organismo provincial decidiu subvencionar os gastos de desprazamento (autobús), os de aloxamento durante tres días (dous en Pamplona e unha en San Sebastián), e os derivados da matrícula do curso para dous representantes de cada municipio de Pontevedra.
Ademais, aproveitando a proximidade ás xornadas, a Deputación ten previstas visitas guiadas a varias instalacións de compostaxe comunal e a dúas plantas de maior tamaño (Lapatx e Epele), que tratan a fracción orgánica dos residuos municipais (FORM). Estas faranse durante o primeiro, o terceiro e o cuarto día da viaxe.
Á viaxe organizada pola Deputación están apuntados os alcaldes de Cambados, Cuntis, Silleda e Soutomaior; así como os primeiros tenentes de alcalde de Barro e Cambados; e os concelleiros de Medio Ambiente e Servizos de Bueu, Cangas, Fornelos, O Grove, A Guarda, Illa de Arousa, Lalín, Moaña, As Neves, Nigrán, Oia, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. Tamén acudirán técnicos de Caldas de Reis, Cuntis, O Grove, Lalín, Mondariz, Pontevedra, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, entre outros. Acudirán tamén deputados do grupo de goberno e asesores provinciais. Finalmente non asistirá ningún membro do grupo provincial do PP, se ben os seus postos serán ocupados por outros concelleiros que se apuntaron durante os últimos días.

Ningún comentario:
Publicar un comentario