15 de set. de 2015

PONTEVEDRA

Carmela Silva demandaralle á Xunta unha homologación para os estudos da Escola de Cantería 

A Deputación impulsará un proxecto de recuperación do patrimonio en pedra da provincia en colaboración cos concellos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva - no centro da imaxe -, xunto coa deputada Montserrat Magallanes e profesores da Escola de Cantería

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe, na súa visita á Escola de Cantería, que lle demandará á Xunta de Galicia que os estudantes deste centro poidan obter un título homologado.  

 Carmela Silva sinalou que lle vai remitir unha carta á Xunta para que se busque unha fórmula para que na Escola de Cantería se poida obter unha titulación homologada "dentro do respecto institucional", que garanta o mantemento desta actividade na provincia e en toda Galicia "para continuar sendo os mellores canteiros e canteiras do mundo".  

 Por outra banda, a presidenta subliñou os traballos que fan os alumnos da escola  "tan espectaculares" e que a Deputación ten que facer un proxecto que contemple a recuperación do noso patrimonio en pedra de toda a provincia.  Silva asegurou que o programa debería contemplar a contratación de arquitectos e arquitectas, restauradores e restauradoras e canteiros e canteiras para poñer en valor "o noso patrimonio en pedra en todos os concellos". Dentro deste proxecto tamén se incluirá a posibilidade de poñer en valor o propio centro con visitas organizadas para que os cidadáns coñezan "a arte que aquí se fai", destacou Silva.  

 O proxecto da Deputación para a Escola de Cantería será pór todas as obras de arte que agora se atopan nas propias instalacións á disposición dos concellos "para ofertarllas, tras facer un inventario, para que todas estas obras de arte luzan nas nosas rúas ou nas nosas prazas, nos espazos públicos dos 62 concellos da provincia", subliñou Carmela Silva.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario